Andrea Vázquez (Miramemira): “O parón das pandemia permitiunos afondar e desenvolver máis os proxectos”

Andrea Vázquez (Miramemira): “O parón das pandemia permitiunos afondar e desenvolver máis os proxectos”

Durante o pasado 2020 a produtora Miramemira seguiu pechando cousas do gran éxito de “O que arde”, o último filme de Oliver Laxe. Ademais estivo traballando en varios proxectos, o máis importante de todos eles é “San Simón” unha longametraxe dirixida por Miguel Ángel Delgado. A película tiña que rodarse o pasado outono pero a pandemia obrigoulles a atrasalo, desde a produtora esperan estar a rodar en novembro deste 2021.

O segundo dos proxectos que teñen entre mans é “ Sica” a primeira longametraxe de ficción da directora catalá Carla Subirana. Agora mesmo atópase en fase de produción e a cinta coproducirana coa produtora catalá Alba Sotorra, rodarase a finais do 2021, principios de 2022. A película conta a historia dunha adolescente que vive na Costa da Morte e perde ao seu pai nun naufraxio.

E por último teñen dous proxectos en desenvolvemento, o primeiro deles leva por título “O corno do centeo”, a próxima película da directora Jaione Camborda, neste caso realizan a coprodución coa produtora Esnatu Zinema que dirixe Camborda. A cinta é unha longametraxe de ficción ambientado entre A Illa de Arousa e a fronteira fluvial entre Galicia e Portugal.

O segundo proxecto no que están a traballar é “Así chegou a noite”, a última película de Ángel Santos, aínda en fase de guión.

Á produtora Miramemira a pandemia obrigoulles a pospoñer a rodaxe de “San Simón” e aínda que esperan rodar este ano afirman que o futuro é incerto, así nolo conta Andrea Vázquez: “hai bastante incerteza, agora mesmo non está nada claro, nesta película hai bastante figuración, en proxectos como este meter unha partida para probas PCRs non é viable. Esperamos que as normativas no traballo se resolvan pronto. Hai series e películas que están reformulando guións para evitar o contacto e manter as distancias, pero nós facemos un cinema naturalista e este tipo de solucións non funcionan”. A pesar disto, desde a produtora afirman que este parón obrigatorio permitiulles desenvolver máis e afondar máis nos guións.

Preguntámoslle Andrea sobre o futuro do audiovisual e esta é a reflexión que compartiu connosco: “ao estar máis na casa a xente está a consumir moito máis audiovisual, sobre todo nas plataformas dixitais, só esperamos que se siga financiando como ata o de agora, con axuda pública e con fórmulas como a da taxa das plataformas, que obriga a reverter no capital español, isto permítenos facer producións de máis dificultade como a que facemos nós”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies