AGAPI recibe dous recoñecementos clave en 2025 que avalan máis de 30 anos de compromiso co audiovisual galego

AGAPI recibe dous recoñecementos clave en 2025 que avalan máis de 30 anos de compromiso co audiovisual galego

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) foi distinguida este ano con dous importantes recoñecementos que poñen en valor a súa traxectoria, o seu papel pioneiro e a súa contribución decisiva á consolidación do sector audiovisual galego: o XIV Premio José Sellier, outorgado pola Academia Galega do Audiovisual, e unha mención especial á traxectoria colectiva nos Premios CREA 2025, concedida pola Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia.

O XIV Premio José Sellier foi entregado no Espacio Avenida da Coruña nun acto que contou coa presenza da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga; o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; Alfredo Sellier, descendente do cineasta José Sellier; o presidente de AGAPI, Felipe Lage, e a xerente da entidade, Uxía Caride. O galardón recoñece a traxectoria exemplar de AGAPI e o seu papel como axente vertebrador do audiovisual galego ao longo de máis de tres décadas.

Na súa intervención, Lucía Veiga salientou que AGAPI “non só acompañou a historia do audiovisual galego contemporáneo, senón que a escribiu activamente”, destacando a súa visión estratéxica e o seu compromiso sostido co país, coa cultura e cunha industria que hoxe é referencia creativa, industrial e identitaria. Pola súa banda, Gonzalo Castro subliñou que a concesión do premio “recoñece unha labor fundamental na construción do ecosistema audiovisual galego”.

O presidente de AGAPI, Felipe Lage, expresou o seu agradecemento á Academia Galega do Audiovisual e quixo salientar o labor colectivo desenvolvido ao longo dos anos, lembrando tanto ás persoas que precederon á actual directiva como ás socias e socios que fan posible a asociación. “Recollemos este galardón con orgullo, sentíndonos afortunados e profundamente agradecidos”, sinalou.

Neste contexto, desde AGAPI sublíñase tamén o significado especial que ten este recoñecemento nun ano especialmente positivo para a entidade: “Neste momento no que a Asociación conta con 47 produtoras, o número máis alto da historia da Asociación, recibir este Premio é un bonito broche para un ano de éxito e moito traballo”.

Este premio súmase á mención especial á traxectoria colectiva recibida nos Premios CREA 2025, entregados o pasado sábado no Riquela Club de Santiago de Compostela. No marco dunha gala que celebrou o talento do audiovisual galego, CREA quixo recoñecer os máis de 30 anos de percorrido de AGAPI como entidade fundamental para o desenvolvemento do sector. A xerente de AGAPI, Uxía Caride, destacou o valor deste recoñecemento: “Este recoñecemento é unha ledicia porque é unha distinción que se fai desde a profesión, algo que non é habitual e que resulta moi fermoso. Estamos agradecidas e con folgos para seguir adiante con todos os retos que poidan xurdir nun mundo cada vez máis globalizado e incerto”.

Fundada en 1994, AGAPI é a asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego. Agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e ten como fin primordial a defensa dos intereses das produtoras independentes, así como a promoción de políticas favorables ao desenvolvemento dunha industria audiovisual galega competitiva e sostible. Ao longo da súa traxectoria impulsou fitos clave como a creación dos Premios AGAPI —antecesores dos Premios Mestre Mateo—, a posta en marcha do Clúster Audiovisual Galego (Clag) ou a primeira presenza conxunta das produtoras galegas no MIPCOM de Cannes en 2004.

Na actualidade, AGAPI conta con 47 empresas asociadas, tras incorporar 11 novas produtoras ao longo de 2025, un crecemento que reflicte o excelente momento creativo que atravesa o sector audiovisual galego. Desde a asociación insístese, non obstante, na necesidade de que este impulso vaia acompañado de políticas públicas que garantan a súa consolidación no tempo.

Os dous recoñecementos recibidos en 2025 reforzan o papel de AGAPI como referente e motor do audiovisual galego e supoñen un estímulo para continuar traballando, desde o colectivo, polo presente e o futuro dunha industria estratéxica para a cultura e a economía do país.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies