A Xunta Directiva de Agapi, presidida por Felipe Lage, renova o seu compromiso para os próximos dous anos
A Asemblea Xeral de socios de AGAPI, celebrada o día 16 de decembro, acordou apoiar por unanimidade a candidatura de Xunta Directiva para os vindeiros dous anos 2025-2027, presidida por Felipe Lage, produtor executivo en Zeitun Films. Estará acompañado por Silvia Fuentes de Sétima como vicepresidenta, Luisa Romeo de Frida Films como secretaria e Andrea Vázquez de Miramemira como tesoureira. Continuarán como vogais Daniel Froiz de Matriuska, Nati Juncal de Cósmica, X. Lois Ledo de Nós Produtora Cinematográfica Galega, Xacio Baño de Rebordelos e Roi Carballido de Filmika Galaika. Trátase dunha candidatura de continuidade que recolle un cambio na vicepresidencia.
A Xunta Directiva renova o cargo con ilusión e compromiso de traballo a prol do audiovisual galego como se leva facendo desde a constitución de Agapi no ano 1994 e fai un chamamento a todas as produtoras independentes a unirse a este proxecto común do que xa forman parte un total de 49 empresas asociadas, un número nunca antes acadado.
Este crecemento tan notable en número de empresas con 11 incorporacións novas neste 2025 enténdense en gran medida polo excelente momento creativo que atravesa o sector audiovisual, que debe verse acompañado de políticas públicas que garantan a súa consolidación no tempo.
AGAPI é o punto de encontro onde todas as produtoras, independentemente do seu tamaño, poden compartir necesidades, retos e estratexias. Iso materialízase en mesas de traballo sectoriais, encontros profesionais e, o máis importante, na defensa dunha posición común ante as administracións. En canto aos retos de futuro, ‘sen dúbida, o principal é a necesidade de consolidar un mercado estable e profesionalizado que nos permita competir en igualdade de condiciones noutros territorios, á vez que facemos fronte á atomización do sector e á volatilidade do financiamento’. Felipe Lage Coro, presidente de Agapi.
AGAPI leva traballando desde o 1994 a prol do audiovisual galego sendo referente e interlocutor preferente de administracións, institucións e empresas en todas aquelas cuestións que afectan á produción audiovisual.
Composición da nova Xunta Directiva Agapi 2025-2027
Presidente: Felipe Lage Coro (Zeitun Films)
Vicepresidenta: Silvia Fuentes (Sétima)
Secretaria: Luisa Romeo (Frida Films)
Tesoureira: Andrea Vázquez (Miramemira)
Vogais: Nati Juncal (Cósmica Producións), Daniel Froiz (Matriuska), X.Lois Ledo (Nós Produtora Cinematográfica Galega), Roi Carballido (Filmika Galaika) e Xacio Baño (Rebordelos)
