FICX Festival Internacional de Cine de Xixón acolle 4 producións de asociadas de AGAPI dentro da programación da súa 64ª edición
O Festival Internacional de Cine de Gijón/Xixón (FICX) celebra a súa 64.ª edición do 13 ao 21 de novembro, con catro producións de asociadas de AGAPI dentro da programación das súas seccións non competitivas.

Fotograma de ‘Hoxe e o resto do mundo’
Esbilla é a sección do certame adicada a reunir algunhas das propostas máis destacadas do cine contemporáneo. A selección deste ano propón un percorrido que atravesa xeografías, épocas e linguaxes cinematográficos, desde os grandes relatos históricos e políticos ata a exploración da memoria íntima, a paisaxe e as posibilidades expresivas das imaxes. Dentro de Esbilla atopamos a estrea mundial da longametraxe ‘Hoxe e o resto do mundo’ (Cecilia Bertz) producida pola asociada de AGAPI Matriuska Produccións. Así como a curtametraxe ‘A pena’ (Sétima) dirixida por Iria Silvosa.

Fotograma de ‘A pena’
A recoñecida película ‘Titanic Ocean’ (Konstantina Kotzamani) da produtora asociada de AGAPI Frida Films, formará parte de Generación Mutante. Sección do festival onde os xéneros cinematográficos clásicos entran nun proceso de transformación radical. Onde as regras do terror, a ciencia ficción e o thriller son só un punto de partida para que cineastas cunha visión única as combinen e as leven a territorios inexplorados. Unha selección para espectadores audaces que buscan no cine de xénero a sorpresa, a heterodoxia e a libertade creativa máis absoluta.

Fotograma de ‘Titanic Ocean’
Finalmente, como resultado da alianza entre o FICX e o Festival de San Sebastián, a obra de María Aparicio ‘A veces me entrea tristeza, otras veces rebelión‘ (Mordisco Films e Brava) formará parte da sección CROSSROADS – SSIFF | FICX. Espazo convertido xa nunha das señas de identidade do festival asturiano. Esta iniciativa conxunta, nacida da vocación de sumar forzas e fomentar a colaboración por enriba da competencia, funciona coma unha ponte cultural indispensable no circuito de festivais. O seu obxectivo é romper co mito da rivalidade entre certames para apoiar ás películas, dándolles unha «segunda vida» e garantindo que o mellor cine de autor atope novas pantallas e amplifique o seu eco.

Fotograma de ‘A veces me entra tristeza, otras veces rebelión’