PALCO e AGAPI organizan o obradoiro ‘Supervisión musical / SYNC. A música para cine, series de TV e publicidade’ impartido polo compositor de bandas sonoras Sergio Moure de Oteyza

PALCO e AGAPI organizan o obradoiro ‘Supervisión musical / SYNC. A música para cine, series de TV e publicidade’ impartido polo compositor de bandas sonoras Sergio Moure de Oteyza

PALCO e AGAPI organizan o obradoiro ‘Supervisión musical / SYNC. A música para cine, series de TV e publicidade’ impartido polo compositor de bandas sonoras Sergio Moure de Oteyza

PALCO, primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, celebrará a súa primeira edición entre o 3 e o 5 de novembro en Santiago de Compostela. Organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, a través da Agadic e os Concertos do Xacobeo, e co apoio da Deputación da Coruña e Mondo Sonoro Noroeste como medio oficial, o encontro combinará música en directo, reflexión sectorial, formación, mesas de traballo, reunións profesionais e presentacións de proxectos nunha proposta deseñada para reforzar as conexións e impulsar novas oportunidades para a industria musical.

AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) súmase á programación de PALCO a través da organización conxunta do obradoiro ‘Supervisión musical / SYNC. A música para cine, series de TV e publicidade’, impartido polo compositor de bandas sonoras Sergio Moure de Oteyza. A formación terá lugar o mércores 4 de novembro ás 10h na Cidade da Cultura de Galicia, previa inscrición.

Sergio Moure de Oteyza, nace na Coruña en 1969, cursa estudos de harmonía, composición, arranxos e guitarra na Aula de música moderna e jazz do Conservatorio do Liceo de Barcelona. Traballa como compositor e profesor para o ESCAC (Escola superior de cine de Cataluña) e como compositor e coordinador musical para o CECC (Centro de estudos cinematográficos de Cataluña) entre os anos 1997-2000. No ano 2003 compón a banda sonora de “Inconscientes”, que supón a súa primeira partitura para cine, conseguindo unha nominación aos premios Goya e aos premios Gaudí. A este traballo seguíronlle máis de cincuenta bandas sonoras para cine, televisión, series e documentais nacionais e internacionais como as longametraxes “El cuerpo” (Oriol Paulo), “Secuestrados” e “Extinction” (Miguel Ángel Vivas), “Un buen hombre” e “Lobos de Arga” (Juan Martínez Moreno), “Todo es silencio” (José Luís Cuerda), “Somos gente honrada” (Alejandro Marzoa), “Feedback” (Pedro Alonso), “Lobos sucios” (Simón Casal), “Retornos” (Luís Avilés) ou “Tesis sobre un homicidio” (Hernán Goldfrid). En televisión e plataformas a súa música soou nun gran número de producións, como “A batalla descoñecida” de Paula Cons, “Mercado de futuros” de Mercedes Álvarez, “Railway to Heaven” de Alexis Racionero, “Mayon, The Volcano Princess” de Isaac Kerlow, “Reliquias” de Toño López, “Ecos” de Oriol Paulo, “Código 60” de Carlos Martín Ferrera, ou as series “Abuela de Verano” e “Seis Hermanas” producidas por TVE. Os seus últimos traballos foron as series de ficción “Clanes” producida por Vaca Films para Netflix e “La sombra de la tierra” dirixida por Elvira Mínguez e producida por Fonte Films para Atresplayer; “Baraja, la firma del asesino”, serie documental dirixida por Amanda Sans e producida por Cuarzo TV para Netflix; “Infiesto”, longametraxe dirixida por Patxi Amezcua e producida por Vaca Films para Netflix; “¿Dónde está Marta?”, serie documental dirixida por Paula Cons e producida por Cuarzo Producciones para Netflix; “Operación Marea Negra, la travesía suicida”, serie documental dirixida por Luís Avilés e producida por Ficción Producciones e Prime Video; a serie de ficción para TVE “Hospital Valle Norte”; ou as longametraxes “La gallina Turuleca”, cinta de animación producida por Tandem Films e Filmax, e “La jauría”, película de xénero dirixida por Carlos Martín Ferrera e producida por Indomable Films.

Desde o ano 2016 faise cargo da composición da música orixinal dos espectáculos da Compañía de Danza Contemporánea “Nova Galega de Danza”, como SON, LEIRA, CREDO ou BERRO. A súa música foi interpretada por grandes formacións como a Orquestra Sinfónica Cidade de Praga, Orquestra Sinfónica de Macedonia, SIF 309 de Sofía (Bulgaria), Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Sinfónica de Córdoba, Orquestra Xove de Córdoba, Real Orquestra Sinfónica de Sevilla, Orquestra Sinfónica de RTVE, A Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Gaos, Orquestra Sinfónica de Euskadi, Galician Film Symphony, Mad4Strings Orquesta ou a Orquestra de Cámara Galega. Esta labor combínase desde o primeiro momento coa súa actividade como docente e divulgador, dirixindo cursos, laboratorios e seminarios e impartindo masterclasses en institucións como a Universidade Complutense, SAE Institute, Universidade Loyola de Sevilla, Universidade da Coruña, Universidade de Murcia, Nanyang Technological University (Singapur), Earth Observatory of Singapore, Conservatorio Municipal de Madrid, Seminario de composición de bandas sonoras na Fundación Paideia (A Coruña), Máster en Composición de Música para Cine, Series e Publicidade de EARTES (Málaga) ou o Conservatorio Privado Presto Vivace da Coruña. Sergio Moure vén de asinar un contrato coa editorial multinacional WARNER CHAPPELL MUSIC para a xestión global do seu catálogo.