AGAPI recibe o XIV Premio José Sellier
A Academia Galega do Audiovisual entregou hoxe (17 de decembro) o XIV Premio José Sellier á Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), en recoñecemento á súa traxectoria exemplar, ao seu carácter pioneiro e á súa contribución decisiva á construción, consolidación e proxección do sector audiovisual galego ao longo de máis de tres décadas.
A entrega do premio tivo lugar no Espacio Avenida da Coruña nun acto que contou coa presenta da presidenta da Academia Galega do Aduiovisual, Lucía Veiga; o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o descendente do cineasta José Sellier, Alfredo Sellier; o presidente de AGAPI, Felipe Lage e a xerente da entidade, Uxía Caride.
Na súa xustificación, a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, destacou que AGAPI “non só acompañou a historia do audiovisual galego contemporáneo, senón que a escribiu activamente”, actuando como un motor vertebrador do sector, cunha visión estratéxica e un compromiso sostido co país, coa cultura e co futuro dunha industria que hoxe é referencia industrial, creativa e identitaria.
O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, sinalou que “a concesión do premio a AGAPI recoñece unha labor fundamental na construcción do ecosistema audiovisual galego”.
Pola súa parte, o presidente de AGAPI, Felipe Lage, expresou o seu agradecemento á Academia Galega polo recoñecemento recibido e quixo salientar o labor de todas as persoas que o precederon, así como dos socios e socias que contribúen a construír esta voz colectiva. “Recollemos este galardón con orgullo, sentíndonos afortunados e profundamente agradecidos”, sinalou Lage.
Fundada en 1994, AGAPI é a asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego. Agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e ten como fin primordial a defensa xeral dos intereses das produtoras independentes, así como a promoción de políticas favorables para o desenvolvemento dunha industria audiovisual galega competitiva e sostible.
Ao longo da súa traxectoria, AGAPI impulsou fitos fundamentais para o audiovisual galego, como a creación dos Premios AGAPI (1996-2001), que en 2003 pasaron a denominarse Premios Mestre Mateo, e a creación do Clúster Audiovisual Galego (Clag) ese mesmo ano. Foi tamén pioneira na internacionalización do sector, organizando en 2004 a primeira presenza conxunta das produtoras galegas no MIPCOM de Cannes.
O Premio José Sellier, promovido pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, recoñece o labor de iniciativas relevantes para o sector audiovisual galego. O galardón honra a memoria de José Sellier Loup (1850-1922), pioneiro do cinema en España, quen en 1897 filmou na Coruña as películas máis antigas datadas no noso país, como Fábrica de gas, Praza de Mina e Oleaxe no Orzán. O trofeo, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, reproduce a cámara Lumière empregada por Sellier para realizar estas películas pioneiras.
