Agapi presenta o Estudo cualitativo ‘Consolidación da produción audiovisual independente galega como marca de éxito internacional’, unha edición dixital que conta co apoio do Concello de Santiago.
Seguindo coa colaboración iniciada no ano 2021 na que se presentaba o ‘Estudo cualitativo das produtoras audiovisuais independentes galegas’ que facía balance do impacto da pandemia, neste ano 2022 recuperamos o pulso coa publicación e presentación do traballo que leva por título ‘Consolidación da produción audiovisual independente galega como marca de éxito internacional’.
Este traballo presenta unha serie de reportaxes coas principais responsables a nivel creativo e empresarial das produtoras galegas independentes co fin de medir o pulso e estado do noso audivisual.
Nos últimos anos son moitos os éxitos da produción independente galega. Partindo da análise da Cidade de Santiago de Compostela como epicentro do audiovisual galego, as entrevistas recollen o impacto da pandemia e o éxito das produtoras independentes, centrando a atención en aspectos tan importantes como a coprodución na ficción como forma de traballo, o recoñecemento do talento ou a importancia das empresas de servizos.
Este estudo permite achegar coñecemento de forma directa, dando voz aos produtores para falar do presente e futuro audiovisual.
Publicacións coma esta supoñen unha oportunidade para difundir e poñer en valor a produción independente xerando un contido de calidade moi valioso pola súa achega de testemuñas en en primeira persoa.
O estudo quedará visible para a súa libre consulta no apartado da web de Agapi > Revista > Informes.