Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) organiza o roteiro ‘Elas, produtoras executivas’ coa finalidade de potenciar o papel capital que teñen as mulleres na produción audiovisual.
Esta iniciativa de empoderamento femino conta coa subvención da Deputación da Coruña e permite achegar o visionado dun documental seguido dun coloquio a seis institutos públicos da provincia da Coruña.
Durante este mes de outubro, as produtoras executivas Laura Doval, Nina Hernádez, Nati Juncal, Chelo Loureiro, Paula Cons e Olaia Ledo pasarán polos centros IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES As Telleiras (Narón); IES Xelmírez (Santiago de Compostela), IES Monelos (A Couña) e IES Canido (Ferrol) para lograr a visibilidade das produtoras executivas galegas entre o alumnado incrementando o número de referentes de mulleres en postos directivos e empresariais.
Segue a ser necesario destacar o importante papel das mulleres nunha industria creativa como é o audiovisual. Son moitas as produtoras executivas que lideran as principais empresas en Galicia, sendo así unha excepción ao panorama estatal que cabe recoñecer.
No ano 2021 Agapi iniciaba o camiño para o recoñecemento e empoderamento das produtoras executivas galegas coa produción dunha peza documental, que contou co apoio do II Fondo de Proxectos Xacobeo, titulada ‘Elas, produtoras executivas’. Este roteiro continúa a senda iniciada coa visita a Institutos de Educación Secundaria da provincia da Coruña para achegar á sociedade o papel capital das mulleres na produción audiovisual a través do visionado deste documental ‘Elas, produtoras executivas’ (26 min) seguido dun debate coa mocidade por parte das súas protagonistas.
Esta actividade busca aumentar o interese no feminismo, logrando a visibilidade das produtoras executivas galegas ao tempo que aumenta a conciencia crítica e contribúe a acadar unha igualdade real.