A película ‘María Solinha’, a sétima longametraxe de Ignacio Vilar, unha produción de Vía Láctea Filmes e a Televisión de Galicia, foi seleccionada para competir na sección ‘Indieuropea’ do Taormina Film Festival, unha das citas de referencia do cinema internacional cada mes de xullo, que celebra neste 2020 a súa 66ª edición. O certame siciliano, que comeza este sábado na fermosa cidade mediterránea, onde se poden ver cada ano grandes referencias do cinema internacional, elixiu o filme de Vilar entre longametraxes de todo o mundo.
A película narra como un afamado director chega a Cangas do Morrazo para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra soporta, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no seu tempo. Ignacio Vilar, director de filmes como ‘Pradolongo’, ‘Vilamor’ e ‘A Esmorga’ leva así á gran pantalla a lenda dunha muller icónica. Grial Montes e Laura Míguez son as protagonistas desta versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en símbolo feminista. No elenco figuran tamén Santi Prego, Antonio Durán ‘Morris’ e Mabel Rivera.
‘María Solinha’ está percorrendo Galicia este verán con estreas en formato de cinema na rúa e de autocine, sempre en concellos medianos e pequenos. Trátase dunha distribución inédita que está a amosar que hai maneiras de facer chegar o cinema galego, rodado na nosa lingua e coas nosas historias, aos espectadores de cada vila e aldea. Deste xeito, os veciños de máis dun cento de localidades terán oportunidade de ver un filme de estrea universal antes que os habitantes das cidades.