O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro.
O roteiro pola provincia de Lugo dará comezo o vindeiro 4 de xuño, no IES Pedregal de Irimia de Meira, e a convidada para este primeiro debate será a produtora Laura Doval. O roteiro retomarase en setembro para continuar por máis centros da provincia.
