A 5º reunión da Comisión Mixta para o estudo dun novo modelo de financiamento do cine tivo lugar o pasado día 8 de maio en Madrid. Os produtores agardaban conseguir unha mellora na porcentaxe de incentivos fiscais, máis próxima o 40% que se manexa noutros países europeos, pero as demandas non foron atendidas, e os incentivos manteranse no 18% actual.
O sector está decepcionado ante o acontecido na reunión. A directora do ICAA, Susana de la Sierra manténse optimista e puntauliza que o termo indefinido aplicado ós incentivos fiscais no 18% non significa que sexa inamovible. Enrique González Macho sinalou que non lle parece posible chegar a un acordo antes do verán, e, polo tanto, tampouco se cumprirán os seguintes pasos previstos: redactar o proxecto de lei definitivo e que este poida entrar en funcionamento en xaneiro de 2014. Susana de la Sierra lembrou que a Comisión Europea tiña que ter aprobado un novo texto sobre axudas ao cine a finais do ano pasado, pero non o fixo. Houbo problemas con algúns países, e agora acaba de saíir un terceiro borrador que ten aberta unha consulta pública ata o vindeiro 28 de maio. O que decidan, explicou, é absolutamente determinante porque será o que marque os límites que debemos ter en conta para configurar o noso propio modelo. Sobre as axudas automáticas estase traballando nas propostas que chegaron desde o sector do cine, así como noutras nas que levan traballando desde hai meses, para ver de que maneira se poden establecer melloras nese sistema de axudas. Outro dos campos nos que se quere avanzar é no establecemento dun tipo societario semellante ás Agrupacións de Interese Económico (AIE), para dar resposta ás necesidades específicas do cine, segundo fontes do ICAA. A partir de agora, a Comisión reunirá ás dúas mesas de traballo que aínda non o fixeron: relacións coas televisións e novo modelo de negocio.