Zeitun Films

Zeitun Films

Zeitun Films



Dirección: Rúa San Andrés 122, 1º andar
15003 A Coruña (A Coruña}
Contacto:
Teléfono:
E-mail: info@zeitunfilms.com
Web: www.zeitunfilms.com

PROXECTOS:

Sen ti (2023)
Rompente (2022)
Miguel’s war (2021)
Lúa Vermella (2020)
La estrella errante (2018)
Tshweesh (2017)
Mimosas (2016)
Pozoamargo (2014)
Costa da morte (2013)
O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (2013)
Arraianos (2012)
Todos vós sodes capitáns (2010)



CURRICULUM:

Zeitun Films nace en 2009 en paralelo á produción da película Todos vós sodes capitáns, un proxecto do director Oliver Laxe creado, en certo xeito, á marxe da industria convencional, cun modelo de produción artesanal e afastado de grandes axudas financeiras de produción. Zeitun Films é unha produtora cinematográfica galega cun marcado compromiso artístico e cultural. Todas as nosas producións até a data foron estreadas en festivais de primeiro nivel mundial (Cannes, Berlinale, Locarno, Rotterdam…), e foron proxectadas por todos os recunchos do planeta, representando o cinema galego co máximo recoñecemento crítico.

Zeitun Films é unha marca recoñecida internacionalmente. Un caso único nos últimos anos na produción española. As nosas producións son esperadas nos foros internacionais máis importantes, como Cannes, Venecia, Berlín ou Locarno. Todos vós sodes capitáns, primeira produción de Zeitun Films, foi estreada no Festival de Cannes de 2010, na Quincena de Realizadores, e gañou o premio da Crítica Internacional FIPRESCl. Foi presentada en máis de cincuenta festivais internacionais e recibiu numerosos premios. A crítica internacional abrazou entusiasmada a aparición de Oliver Laxe coma gran autor no panorama cinematográfico. O filme tivo distribución comercial nos Estados Unidos e en España (2011), foi exhibido en televisión (TCM autor, TVG) e saíu ao mercado en DVD nunha coidada edición con abundante material extra.

No verán de 2010 entramos na coprodución de Arraianos, de Eloy Enciso, estreada no Festival de Locarno en 2012. O filme foi presentado nos festivais de Viena (Viennale), Hamburgo, Vancouver, DocsLisboa, Sevilla (Premio Nuevas Olas), FICUNAM de México (Mención especial) ou BAFICI de Bos Aires (Premio Vanguardia y Género) entre outros. Arraianos chegou ás salas comerciais españolas en setembro de 2013 con distribución a cargo de CineBinario, que tamén se encargou do lanzamento en DVD.

O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia, a nosa terceira longametraxe, foi estreada no Festival de Rotterdam de 2013, onde gañou o Premio da Crítica Internacional.

O cuarto filme producido por Zeitun Films, Costa da Morte, comezou a súa carreira internacional da mellor maneira imaxinable ao recibir o premio ao Mellor director emerxente no Festival de Locarno en 2013. Dende entón, o documental participou en setenta festivais internacionais recibindo multitude de premios (premio Nuevas Olas No-ficción no Festival de Sevilla, premio do público en Dei Popoli, mellor película en Jeonju Corea do Sur, mellor película en FICUNAM México, mellor película en Play-Doc Tui…). A finais de setembro de 2014 Costa da Morte foi estreada en salas comerciais de varias cidades de España e no ano 2015 foi distribuída comercialmente nos Estados Unidos. Así mesmo, na primavera de 2014, o filme foi exhibido a diario e durante dous meses dentro da programación regular da Cineteca Nacional de México, sendo vista por máis de catro mil espectadores.

Pozoamargo (2015) de Enrique Rivero foi a quinta produción de Zeitun Films, e realizouse en coprodución entre México e España. Foi estreada no Festival de Sevilla 2015, onde gañou o premio Nuevas Olas. Tralo seu percorrido por festivais internacionais, entre o que se incluíu FICUNAM, onde recibiu a Mención especial, foi estreada comercialmente en España e México.

Mimosas de Oliver Laxe, coprodución entre España, Marrocos e Francia, foi a nosa sexta longametraxe e estreouse no Festival de Cannes de 2016, onde se alzou co Gran Premio da Semana da Crítica. Posteriormente percorreu un extenso circuíto de festivais internacionais no que recibiu múltiples galardóns, como o premio especial do xurado e a mención especial ó mellor son e montaxe do Festival de Sevilla, a Pirámide de Ouro á mellor película e o premio ó mellor actor principal no Festival Internacional de Cine do Cairo (Exipto), ou a mención especial da sección “Vanguardia y Género” do BAFICI (Arxentina). Ademais, Mimosas foi recoñecida cos Premios Mestre Mateo ó mellor director e á mellor dirección de produción. A nivel comercial, o percorrido de Mimosas resultou tamén enormemente destacable, sendo estreada comercialmente en países como España, Francia, Reino Unido ou EUA, entre outros.

A nosa sétima produción, a curtametraxe Tshweesh, foi dirixida pola directora libanesa Feyrouz Serhal e estreouse no Festival de Locarno en 2017. O seu percorrido por festivais internacionais incluíu Busan, Torino, Clermont-Ferrand, Beirut (premio á mellor curtametraxe), Short Waves (mención especial), Beijing (Mirage award) ou FIDBA de Buenos Aires (premio á mellor curtametraxe internacional), entre outros.

La Estrella Errante, dirixida por Alberto Gracia, foi estreada na edición de 2018 do Festival de Rotterdam e a súa traxectoria por festivais inclúe o FICCI-Festival Internacional de Cine de Cartagena de Indias, o Festival de Sevilla, onde gañou o premio Nuevas Olas, ou o Dock of the Bay Festival de San Sebastián, onde gañou o premio ó mellor documental musical.

Lúa Vermella de Lois Patiño estreouse na edición de 2020 da Berlinale, dentro da sección Forum. Foi exhibida e premiada en diversos festivais como o Festival de Málaga (premio á mellor película da sección Zonazine), na Viennale, no Festival Mar del Plata, no Festival de Jeonju en Corea do Sur, no New Directors/New Films de Nova York, entre outros.

En 2021 Miguel’s War de Eliane Raheb foi tamén estreada na Berlinane, nesta ocasión na sección Panorama, alzándose co premio Teddy á mellor longametraxe e ficando na segunda posición do premio do público. Miguel’s War continúa actualmente a ser exhibida nos principais festivais cinematográficos.

A curtametraxe Rompente de Eloy Domínguez Serén, foi estreada no Festival de Málaga 2022, alzándose co premio á Mellor curtametraxe de ficción do Festival, e tamén recibiu o premio á Mellor curtametraxe de ficción no Festival de Cans 2022. Nos vindeiros meses Rompente continuará a súa traxectoria participando en certames cinematográficos do primeiro nivel tras ter sido exhibida en festivais como Curtas Vila do Conde de Portugal ou Short Waves de Polonia.

En novembro de 2023 a curtametraxe Sen Ti de Feyrouz Serhal, a nosa última produción ata o momento, foi estreada no Rabat Film Festival. Na actualidade Sen Ti continúa o seu percorrido en diversos festivais a nivel mundial.

Actualmente Zeitun Films está inmersa no desenvolvemento das longametraxes Tralovento de Eloy Domínguez Serén, Fomos ficando sós de Adrián Canoura, Montaña ou Morte de Pela del Álamo, Alumbre de Alejandro Tarraf, e I’m here but you can’t see me de Feyrouz Serhal.

Desde os seus comezos Zeitun Films demostrou ser unha produtora preparada para os tempos actuais, uns tempos duros que obrigan a orzamentos contidos e a apostar pola coprodución e colaboración internacional. Son tamén tempos nos que é máis necesario ca nunca defender o talento dos nosos creadores que proxectan a nosa cultura no mundo.

FILMOGRAFÍA:
SEN TI (2023). Curtametraxe de Feyrouz Serhal
ROMPENTE (2022). Curtametraxe de Eloy Domínguez Serén
A GUERRA DE MIGUEL (2021). Longametraxe de Eliane Raheb
LÚA VERMELLA (2020). Longametraxe de Lois Patiño
A ESTRELA ERRANTE (2018). Longametraxe de Alberto Gracia
TSHWEESH (2017). Curtametraxe de Feyrouz Serhal
MIMOSAS (2016). Longametraxe de Oliver Laxe
POZOAMARGO (2015). Longametraxe de Enrique Rivero
COSTA DA MORTE (2013). Longametraxe de Lois Patiño
O QUINTO EVANXEO DE GASPAR HAUSER (2013). Longametraxe de Alberto Gracia
ARRAIANOS (2012). Longametraxe de Eloy Enciso
TODOS VÓS SODES CAPITÁNS (2010). Longametraxe de Oliver Laxe

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies