Esta foi unha semana intensa para Matriuska Producións, por unha banda estiveron nos Premios Feroz co nomeamento ao mellor documental de Patricia Peréz e Heidi Hassan “A media voz”, e tamén no Co- Production Market da Berlinale con “ Matria”, a ópera prima de Álvaro Gago.
Aínda que non gañaron nos Premios Feroz, afirman que o simple feito de estar nomeados foi un gran peche para este proxecto, así nolo conta Daniel Froiz: “O proceso das películas é moi longo, esta foi unha coprodución internacional entre catro países, Francia, Suíza, Cuba e España. Empezamos gañando no IDFA de Amsterdam e no Festival da Habana como mellor documental, logo veu unha pandemia mundial que deixou todo un pouco nunha paréntese, e despois chegou o outono onde se produciu un embude de festivais, houbo semanas que estabamos en 3 países á vez, así que pechar con este nomeamento foi unha gran alegría”.
Ademais do éxito entre a crítica e os festivais, o documental tivo tamén unha gran acollida nas salas de cinema, chegou a estar 6 semanas en Barcelona e 4 en Madrid, algo que segundo en palabras en Froiz “é todo un éxito para un documental, por desgraza as salas de cinema non adoitan ser o lugar natural do documental, así que conseguir chegar a poder estar en salas foi todo un logro” Agora aínda queda o percorrido polos circuítos culturais e logo “A media voz” estará dispoñible en Filmin.
Preguntámoslle a Daniel Froiz sobre onde radica o éxito deste documental e teno moi claro: “En primeiro lugar é unha película que está moi ben feita porque as directoras fixeron un traballo incrible, partindo dun cinema naturalista souberon utilizar moi ben as ferramentas cinematográficas para saber narrar con emoción esta historia. Ademais, é un documental que fala da maternidade e a non maternidade, do amor e desamor, do arraigamento, a emigración, a amizade…son temas que conectan desde moi dentro con moita xente”.
A outra das grandes alegrías para Matriuska Producións esta primeira semana de marzo é que están no Co- Pruduction Market da Berlinale coa primeira longametraxe de Álvaro Gago “Matria”. A película leva o mesmo título que a curta que a viu nacer e que gañou o gran premio do xurado no Festival de Sundance. A longametraxe conta xa co apoio da Xunta de Galicia, o ICAA, a TVG e Movistar na produción nacional, coproducen con Ringo Media e Avalon quen ademais se encargará da distribución. A película retoma o personaxe de Ramona para falar da muller galega, da nosa Galicia e a súa maneira tan particular de funcionar, e que se rodará na zona de Vilanova este próximo outubro.
Ademais en Matriuska Producións están xa cos últimos procesos de posprodución para terminar “Qué hicimos mal” de Liliana Fernández, película coa que esperan estar nun gran festival este 2021, aínda que como afirma Daniel “é un ano complicado, por que todos os festivais están a bailar de data polo que a estratexia de estreas é máis complicada. Aínda que o importante é que estamos moi contentos co resultado da película, e cremos que vai gustar moito”.