‘Todo é cárcere’ (Filmika Galaika), novo filme de Eloy Enciso, faise co Gran Premio da Competición Internacional do 37º FID Marsella

‘Todo é cárcere’, a agardada nova película do director Eloy Enciso producida pola nosa asociada de AGAPI Filmika Galaika, vén de alzarse co Gran Premio da Competición Internacional na prestixiosa cita do 37º FID de Marsella (Festival Internacional de Cinema de Marsella), un dos certames de referencia absoluta para o cinema de autor a nivel mundial.
O filme profundiza de xeito rigoroso e emocionante na represión e na realidade dos campos de concentración durante o franquismo. A obra constrúe unha peza única que transita con mestría entre o documental e a ficción, apoiándose nunha coidadosa posta en escena e no uso de textos e documentos históricos reais da época. Poñendo o foco sobre unha rede sistemática de máis de 200 campos de concentración polos que pasaron preto dun millón de prisioneiros. O título da obra inspírase na célebre frase do poeta e represaliado Marcos Ana: “En aquel momento toda España era una prisión”.
O xurado internacional do festival, composto por Mariano Llinás, Eszter Tompa e Jesse Cumming, recoñeceu a enorme potencia estética, lírica e política dunha obra que consolida definitivamente a Eloy Enciso (director de filmes tan galardoados como Arraianos ou Longa noite) como unha das voces máis singulares, coherentes e respectadas do cinema contemporáneo europeo.
