O Festival de Locarno presenta a súa nova sección competitiva infantil, coa presenza de ‘MU-KI-RA’ (Abano Producións) dirixida por Estefanía Piñeres Duque, entre as obras seleccionadas

O 79º Festival de Cine de Locarno, que se celebrará ente 5 e o 15 de agosto, vén de anunciar a selección da longametraxe de animación ‘MU-KI-RA’, producida pola asociada de AGAPI Abano Producións, para participar na súa nova sección competitiva oficial, Locarno Kids Screenings. Esta nova sección do certame nace co obxectivo de achegar ás novas xeracións un cinema de autor de calidade, que fomente valores sociais e novas miradas sobre o mundo contemporáneo.
Dirixida por Estefanía Piñeres Duque e co-escrita por María Barro Guntín, ‘MU-KI-RA’ mergulla ao público nunha emotiva historia de fantasía na que Cleo, unha valente nena de 13 anos, tenta rescatar ao seu irmán pequeno de mans dun xigantesco monstro na selva. A través desta viaxe, o filme aborda con gran sensibilidade e humor temas universais como o proceso de duelo, o valor da empatía, o respecto pola diferenza e o poder da amizade para sandar as feridas do pasado. Os protagonistas guiarán aos espectadores a través dun desafiante camiño cara á independencia, amosando como a afirmación da propia identidade pode converterse nun gran valor para toda a comunidade.
Un dos aspectos máis salientables desta nova sección en Locarno é que o premio principal, o Locarno Kids Award la Mobiliare, será outorgado de xeito exclusivo por un xurado composto por mozos e mozas de entre 11 e 15 anos. Deste xeito, o festival pon o criterio do público xuvenil directamente no centro do palmarés oficial.