Suso López (Gaita Filmes):”Parar, para seguir creando”

Suso López (Gaita Filmes):”Parar, para seguir creando”

Está claro que este 2020 non llo está poñendo fácil a ninguén, pero na produtora Gaitafilmes souberon sacarlle proveito ao confinamento, sobre todo para darlle unha volta á parte creativa de todos os proxectos que tiñan en marcha.

Na actualidade atópanse na fase final de montaxe de Welcome to Ma Maison, a nova longametraxe documental de Andrés Goteira que esperan estrear o ano que vén. Ademais, están en fase de desenvolvemento de dúas novas longas de Andrés, Monstro e Starmucks, ambas as cintas contan co apoio a desenvolvemento de Agadic. Starmucks é o seu proxecto máis ambicioso ata a data, recibiron varias asesorías de guión e esperan rodar en 2022, en palabras do produtor Suso López “esta longa é un salto importante para nós a nivel de produción”.

Este ano por primeira vez traballan en proxectos dirixidos por realizadores externos á produtora. O primeiro deles é Verbena, dirixido por Rafa dos Arcos e Adrián D.Bóveda “Jarri” (Novedades Carminha), cinta que recibiu a axuda de talento da Xunta de Galicia. Agora mesmo están en fase de preprodución, pero con todas as verbenas canceladas e a incerteza do que pasará o ano que vén, a rodaxe polo momento parece complicada de abordar.

O segundo destes proxectos é un documental dirixido por Lucía Dapena, O silencio herdado, que afondará na memoria histórica a través da voz do avó da realizadora.  Para este proxecto contan con dous socios de Barcelona, A Selva e Mayo Films, e recibiron tamén axuda ao desenvolvemento de Agadic.

E por último traballan en dúas curtametraxes, a primeira delas diríxea Felix Brixel e leva por título Madalenas, acaban de recibir o apoio do ICAA. E a segunda, Todas as casas, é un pequeno proxecto documental que se enmarca dentro do ano Xacobeo e co que queren dar visibilidade ao despoboamento rural de Galicia. Actualmente están na procura de localizacións para mostrar todas esas casas que quedaron baleiras e paradas no tempo.

A pandemia puxo freo ás rodaxes, co impacto económico que iso supón, pero Suso López afirma que desde a produtora trataron de indagar na parte creativa dos proxectos “serviunos para tomar alento e mirar aos proxectos coa cabeza limpa”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies