Oficialmente Sétima Media ten apenas dous anos de vida, pero este proxecto da produtora Silvia Fuentes e a directora Anxos Fazáns fraguouse moito antes, quizais mesmo antes de que elas mesmas o soubesen. Cada unha ten un percorrido profesional independente, pero despois de traballar xuntas na primeira película de Fazáns, “A Estación Violenta”, déronse conta de que compartían unha mesma visión sobre o cinema. A mirada máis nova do audiovisual galego necesitaba un espazo, e desa necesidade de crear espazo e dar voz nace Sétima Media no verán do 2018.
Na actualidade atópanse no desenvolvemento de tres proxectos, un documental e dúas longametraxes de ficción. O documental coprodúceno coa produtora catalá Ringo Media, e conseguiron xa a primeira pata de financiamento coa TVG. “Patarinos” é o título deste documental de Zeltia Outeriño que esperan empezar a rodar en 2021, a cinta céntrase na vida e frustracións dunha muller de 40 anos, un drama intimista narrado en primeira persoa que protagoniza e dirixe a propia Zeltia. Con este proxecto queren dar voz e representación a unha xeración de mulleres.
A primeira das longametraxes de ficción é unha película dirixida por Ángel Filguera, que recibiu a subvención de promoción ao talento de Agadic e que esperan estar a rodar tamén ao longo do 2021. E por último, están a traballar na segunda longametraxe de Anxos Fazáns “ As liñas discontinuas”, éste é o proxecto máis ambicioso que teñen entre mans, a nivel de tempos e orzamento, por iso teñen pensado rodar en 2023/2024. En palabras de Silvia “o camiño das longas é unha viaxe longa a moitos niveis, pero tanto Anxos coma min sentímonos moi afortunadas porque durante estas viaxes seguimos traballando noutros proxectos con outras produtoras, que nos acollen, ensínannos e isto permítenos seguir crecendo como profesionais”.
Sétima Media é un dos novos socios de Agapi, e como nos conta Silvia para elas é importante formar parte desta rede, “o apoio entre produtoras fainos máis fortes como sector”.
Ao non ter ningún proxecto en rodaxe o golpe da pandemia no seu traballo foi menor, pero admiten que a incerteza actual non axuda. Aínda así desde Sétima Media móstrase optimistas, porque como elas mesmas din “só temos dous anos de vida, cando non tes pasado só podes confiar no futuro”.