Remata con éxito a II edición do programa Agapi Impusa Copros

Remata con éxito a II edición do programa Agapi Impusa Copros

En AGAPI comezan este 2024 facendo balance da II Edición do programa de acompañamento no desenvolvemento de proxectos audiovisuais “Agapi Impulsa Copros”.

Trátase dunha iniciativa lanzada en 2022 que ata o momento leva celebradas dúas edicións.

A I edición celebrouse durante o ano 2022 e contou con Andrea Vázquez (Miramemira), Felipe Lage (Zeitun Films), Luisa Romeo (Frida Films) Gaspar Broullón (OlloVivo) e Ruth Chao (Somadrome) como mentores. Os proxectos seleccionados nesa primeira edición foron: dúas longametraxes documentais ‘Primeira Inmersión’ de Cristela Torres e ‘As Movidas’ de Alejandro Gándara, e tres longametraxes de ficción: ‘Furtivo’ de Uxía Diéguez, ‘Dónde están los ladrones?’ de Julu Martínez e ‘Chorima’ de Alicia Úbeda. 

A II edición celebrouse no ano 2023 e contou con con Alfonso Blanco ‘Fosco’ (Portocabo), Chelo Loureiro (Abano Producións), Dani Froiz (Matriuska Producciones), Gael Herrera (Tamoura) e Paula Cons (Agallas Producciones).

Falamos con Uxía Caride, xerente de Agapi para que nos explique o obxectivo deste programa de asesoramento: “Agapi Impulsa Copros nace pensando que é interesante e necesario tender pontes entre as xeracións máis novas e os produtores máis consolidados, para impulsar novos talentos e dar unha oportunidade de crecemento empresarial compartido” .

Nesta II edición foron un total de 22 os proxectos recibidos. O comité de preselección, formado por X.L.Ledo (Nós Produtora Cinematográfica Galega), Amalia Mato (Recrea Films) e Jaione Camborda (Esnatu Zinema) foron os responsables de seleccionar os 5 proxectos elexidos para traballar man a man cos cinco produtores e produtoras. Os proxectos seleccionados foron: ‘Anomaly’ de Ana Urquijo, ‘Shido’ de Ana Pico, ‘Ronsel’ de Anxo Soilán e Luis Morla, ‘Régimen’ de Iria Justo e Bea Saiáns e ‘Blackside Ollie’ de Bárbara Fernández e Mariona Martí.

Tanto produtores como creadores insisten que ao final esta mentoría é unha experiencia enriquecedora para todos, así o afirma por exemplo o mentor Dani Froiz: ‘As mentorías dannos a posibilidade de achegar o noso coñecemento a novas e novos creadores’ ou os mentorizados Anxo Soilán e Luis Morla: ‘Contar coas titorías está a facer de ‘Ronsel’ unha mellor película axudándonos a sintetizar todos os elementos que queremos introducir e a concretar as necesidades de produción’.

Logo destas dúas edicións tan exitosas, desde Agapi agardan poder repetir o programa de asesoramento para celebrar neste 2024 a III edición de Agapi Impulsa Copros.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies