Primeiras imaxes da rodaxe de AUGA SECA, coprodución entre Portocabo e a portuguesa SPi

Primeiras imaxes da rodaxe de AUGA SECA, coprodución entre Portocabo e a portuguesa SPi

AUGA SECA comeza coa morte de Paulo Duarte no porto industrial de Vigo. Un aparente suicidio que non convence aos seus xefes, nin á policía, nin á súa irmá Teresa, que se muda de Lisboa a Vigo e empeza a traballar na empresa onde estaba Paulo, co obxectivo de descubrir o que pasou. Esta produción de 6 capítulos de 50 minutos corre a cargo de Portocabo -responsable de series como LUCI, VIDAGO PALACE ou a recente HIERRO producida para Movistar+, ARTE e Atlantique Productions- e contará coa colaboración dá empresa lisboeta SPi.

A colaboración para este proxecto entre a produtora galega Portocabo e SPi, unha das compañías de televisión máis importantes de Portugal, xestouse na primeira edición de Conecta Fiction, celebrada en 2017 en Santiago de Compostela, de modo que é unha das primeiras series que ve a luz resultado dos encontros de coprodución facilitados por este evento. A ficción, que ambas as produtoras están a preparar para Televisión de Galicia e RTP -a televisión pública portuguesa-, reflicte o universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial coa actriz portuguesa Vitoria Guerra e os galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco da serie. Ademais, Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, que tamén asina o argumento xunto a José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. O guión corre a cargo de Lida Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font. A rodaxe de Auga seca, que xa tivo lugar en varias localizacións de Vigo e arredores e continuará na cidade ata o próximo 19 de xullo, trasladarase despois ata Portugal para prolongarse durante dúas semanas máis. O carácter transfronteirizo da serie, que se rodará en galego e portugués, está integrado na propia trama. Tal e como afirma Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo “este é un thriller naturalista, verosímil, crible moi envorcado cara ao mar, e por iso é polo que Vigo e Lisboa son tamén dúas das súas protagonistas”. AUGA SECA é a segunda serie que Portocabo produce con Portugal tras VIDAGO PALACE, un drama histórico emitido en 2017 por Televisión de Galicia e RTP, que tamén adquiriu os dereitos de emisión deste novo proxecto. Portocabo continúa así a súa liña de ficción internacional tras a estrea de Hierro, a primeira coprodución dunha serie orixinal para Movistar+, con ARTE France e Atlantique Productions. Dirixida por Jorge Coira, HIERRO estreouse o pasado 7 de xuño en España e Latinoamérica e está dispoñible en Movistar+.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies