A produtora galega responsable de ‘Hierro’ conta cunha nova sede en Las Palmas de Gran Canaria desde o pasado mes de xaneiro. Así o anunciou Adolfo Blanco ‘ Fosco’, director xeral de Portocabo, na illa canaria do Hierro, durante a presentación da segunda tempada da serie orixinal de Movistar+. Portocabo Canarias anunciará nas próximas semanas a persoa responsable da nova oficina, que nace co obxectivo de expandir o negocio de produción da compañía e de contribuír ao tecido industrial do arquipélago.
O ano 2019 foi especialmente positivo para Portocabo, que incorporou a máis persoas ao seu equipo e agora conta con doce empregados na súa sede da Coruña. “Somos unha xeradora de contidos e dedicámonos á produción executiva de contidos propios ou de terceiros. Empezamos en 2010 con catro persoas e non queremos que a nosa estrutura básica creza demasiado porque non queremos perder axilidade, queremos seguir traballando son múltiples socios nacionais e internacionais” asegura Fosco. Así, Portocabo decidiu apostar pola apertura de novas sociedades ou por participar en sociedades xa existentes. Despois de Canarias, a produtora podería abrir proximamente outra filial mesmo fóra das fronteiras españolas, así como unha nova empresa para xestionar todo o relacionado cos contidos infantís.