PLAY-DOC viaxa do Nepal a Texas na súa sección oficial

PLAY-DOC viaxa do Nepal a Texas na súa sección oficial

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, programa nesta edición seis títulos na súa sección oficial, todos eles cun amplo percorrido e recoñecemento en festivais internacionais. As historias destas películas percorren boa parte do globo terráqueo, dende a próxima (mais exótica alén das nosas fronteiras) Costa da Morte a templos nepalís, granxas de Texas, ou o rural de Filipinas. Esta diversidade levará tamén aos espectadores á fronteira entre Brasil e Arxentina, e descubrirá a tradición ancestral da tribo Iaka/Mbendiele no interior do Congo. Todos estes filmes competirán polo premio que outorga o xurado internacional, composto nesta ocasión por Fernando Vílchez, xefe de programación do festival Lima Independiente; Antonio Weinrichter, profesor especializado en documental e cinema non narrativo da Universidade Carlos III; máis Jara Yáñez, redactora da prestixiosa revista especializada Caimán Cuadernos de Cine.

Mantendo a liña de apoio ao cinema galego máis rompedor, Play-Doc elixiu desta volta Costa da Morte, do vigués Lois Patiño, para competir na sección oficial. O realizador é un habitual do certame, que xa pasou en dúas ocasións anteriores as súas curtas paisaxísticas. A longa que presenta agora é a consecución lóxica desa traxectoria pictórica, á que engade elementos etnográficos e míticos nesta galardoada cinta: premio ao director emerxente en Locarno, mención especial en Valdivia, mellor película no FICUNAM de México… E segue sumando. Sen dúbida, este ano, Patiño está a ser o embaixador da paisaxe e cultura galegas entre os cinéfilos de todo o mundo. Algo semellante podería dicirse de Roberto Minervini. Italiano de nacemento e educación, leva porén moitos anos vivindo nos EUA, onde rodou o seu último filme, Stop the Pounding Heart. Cunha curta mais intensa carreira, que inclúe tamén os títulos The Passage e Low Tide, Minervini perfílase coma un dos directores italianos novos máis interesantes do seu país. Neste último filme, segue o día a día de Sara, unha adolescente que se cría nunha familia de granxeiros de Texas, moi tradicional. A película ficcionaliza ese ambiente real, traballando con actores non profesionais, que se interpretan a si mesmos. É unha estratexia similar á que segue o homenaxeado desta edición, Nicolás Pereda, que en Minervini adquire dimensións de western etnográfico. Adxectivos similares foron utilizados para definir Sweetgrass, que en 2010 se alzara co premio á mellor longa no Play-Doc. O prestixioso Harvard Sensory Ethnography Lab estaba detrás desta proposta, como tantas outras (Leviathan ou Foreign Parts, entre elas), que estiveron a revolucionar o eido do documental etnográfico no último lustro. Agora é a quenda de Manakamana, na que Stephanie Spray e Pacho Vélez nos mostran as viaxes en teleférico a e dende o templo hinduísta do título, situado no Nepal. O filme semella levar o mesmo percorrido fulgurante que outros do laboratorio estadounidense, dende a obtención do Leopardo de Ouro en Locarno o pasado verán.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies