O ascenso de audiencia que está a rexistrar a Televisión de Galicia levouna este febreiro a ser líder entre o conxunto de canles que forman parte de Forta -Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas-, tanto no conxunto do día (11,6%) coma no prime time (12,5%). Había case cinco anos, desde abril de 2009, que a canle pública galega non era a máis vista entre as televisións autonómicas no total día.
En ambas faixas horarias, a TVG foi quen de superar a canles como TV3, Aragón TV, ETB2 ou Canal Sur. Cómpre salientar, que a Televisión de Galicia superou a media de Forta en 3,5 puntos de cota de pantalla no conxunto do día e en 4,5 puntos de share no horario de maior consumo do día ou prime time. Segundo os datos de audimetría que recolle Kantar Media, no ámbito galego a TVG mantense tamén en febreiro como a segunda canle máis vista, superando a competidoras como La1, Antena 3, Cuatro e La Sexta. Os informativos da Televisión de Galicia seguen a ser un mes máis os favoritos dos espectadores galegos, destacando o Telexornal Mediodía 14.30h cunha audiencia media de 238.000 persoas e cun 31,6% de cota de pantalla. En total, os espazos informativos da TVG contaron en febreiro cunha audiencia de 1.882.000 galegos, o 70,7% dos galegos de 4 e máis anos de idade.