A vindeira edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci) celebrarase entre os días 23- 30 de outubro de 2021 en Valladolid e contará coa estrea dos filmes galegos ‘A virxe roxa’ e ‘A cero.5’.
‘A virxe roxa’, documental dirixido por Marcos Nine, é unha produción de Recrea Filmes.
Sinopse: En 1933 Aurora Rodríguez mata a tiros á súa propia filla Hildegart, mentres esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era unha da feministas máis destacadas da Segunda República Española. Pero tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai para que fose a liberadora da muller. Os plans de Aurora non saíron como estaba previsto.
‘A cero.5′, documental dirixido por Gonzalo Súarez, é unha coprodución entre Galicia (Agallas Films) e Portugal.
Sinopse: Gonzalo Suárez Garayo quere ser director de cinema. En novembro de 2006 a súa vida párase. E comeza a historia da súa longametraxe. Empeza a practicar baloncesto en cadeira de rodas para non estar só, para seguir a súa rehabilitación que o Estado dá por acabada, e para que a súa película avance. No famoso club vigués de baloncesto en cadeira de rodas Amfiv, atopa a espectacularidade dos choques entre as cadeiras, as aparatosas caídas, as acaloradas protestas, o cheiro da goma queimada, a velocidade, a dureza, o estalido das rodas, a enorme competitividade e o compañeirismo. E a súa historia pode continuar. Cara a un lugar sorprendente.