- Representantes da Academia, AGAPI e o Clúster valoraron co presidente as achegas económicas e creativas do audiovisual ao conxunto da sociedade.
- Na xuntanza destacouse a unidade do sector e o valor da produción en lingua galega.
O Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse con representantes da Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e o Clúster Audiovisual Galego, nunha xuntanza que serviu para facer unha valoración do momento que vive o sector e avaliar a súa achega tanto económica como creativa ao conxunto da sociedade galega.
A unión fai a forza
Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia, resaltou o papel distintivo da institución á que representa como aglutinadora dos intereses de todas as familias que compoñen o audiovisual e apostou pola unidade existente entre elas, sinalando que esta colaboración estreita é fundamental para seguir fortalecendo o sector. Un sector que xera valor industrial para Galicia, sen deixar de lado a súa aportación artística e creativa.
Pérez Becerra quixo lembrar a relevancia do papel cumprido pola TVG historicamente, actuando como tractor na formación de varias xeracións de creadores, técnicos e intérpretes, e a importancia de que o ente público continúe coa produción de ficción. Tampouco quixo esquecer á Filmoteca de Galicia, unha institución que precisa recursos suficientes para poder conservar o noso patrimonio audiovisual.
A interlocución coa administración pública
Pola súa banda, Xosé Lois Ledo, vicepresidente de AGAPI, destacou o gran momento actual da produción galega, con recoñecemento estatal e internacional. Ademáis, quixo reivindicar o papel das asociacións profesionais como interlocutoras coa administración pública e salientou a importancia dunha participación decidida da TVG nos proxectos e das liñas de axuda á produción, xa que recaen directamente no sector, e que estas teñan unha continuidade no tempo e sexan reforzadas.
Un plan estratéxico para o sector
O presidente do Clúster, Alfonso Blanco, trasladou ao presidente da Xunta as liñas que conforman o Plan Estratéxico do Clúster Audiovisual, como o fondo de atracción de rodaxes, a posta en marcha da Galicia Film Commission, a importancia da internacionalización dos proxectos, a relevancia do centro de produción audiovisual da Cidade das TIC na Coruña e a aposta por converter a Galicia nun centro de formación especializado de profesionais.
Os representantes da Academia, AGAPI e o Clúster valoraron moi positivamente a xuntanza, na que salientaron o talento e a dedicación dos profesionais do sector, así como a importancia de apoiar a produción en lingua galega. Destacaron así mesmo que o impacto do sector audiovisual vai máis alá do ámbito da cultura, estando intrinsecamente relacionado con outros como o turismo ou a industria e a economía.
Esta xuntanza porá en marcha unha rolda de reunións con outros departamentos da Xunta de Galicia.