O Festival de Cans recoñeceu o traballo das asociadas de AGAPI con sete cans de pedra na sección oficial a concurso e o Premio de Honra Pedigree a Jaione Camborda

O Festival de Cans recoñeceu o traballo das asociadas de AGAPI con sete cans de pedra na sección oficial a concurso e o Premio de Honra Pedigree a Jaione Camborda

O Festival de Cans recoñeceu o traballo das asociadas de AGAPI con sete cans de pedra na sección oficial a concurso e o Premio de Honra Pedigree a Jaione Camborda

O Festival de Cans vén de facer público o seu palmarés desta 23º edición, no que o talento das asociadas de AGAPI foi amplamente recoñecido. O filme ‘Cara de cona‘, dirixido por Guillermo de Oliveira e producido por Sétima fíxose co Premio do Público de Cans así como co Premio á Mellor Interpretación Masculina para Nancho Novo. “Por conseguir en pouco tempo unha interpretación magnética e ser capaz de soster un primeiro plano dun xeito arrebatador, dando como resultado un momento cinematográfico memorable dos que permanecen no recordo do espectador”.

Imaxe de Cris Andina

O premio á Mellor Dirección foi para Paula Pereira por Algo novo que contar, unha obra producida por Brava e recoñecida “por observar con empatía a dúas personaxes nun proceso vital transcendental cunha mirada delicada e sutil que fai que queiras entrar no seu mundo”. A obra tamén gañou na categoría interpretativa feminina, para Grial Montes e Lidia Veiga, actrices protagonistas. O xurado destacou “o enriquecemento mutuo e o equilibrio a través dun traballo actoral de escoita, sostendo de forma maxistral os silencios, e dando como froito unha interpretación contida, concreta e sensible”.

No apartado de Animación, o premio principal foi para O corpo de Cristo (Abano Producións), de Bea Lema , recoñecido “por contar dun xeito audaz unha historia sobre saúde mental, un tema que nos afecta a todas, e facelo dun modo tecnicamente innovador, acorde ao relato”. O xurado destacou ademais a capacidade da directora para “tecer dun xeito delicado varias cuestións que lle plantea ao espectador cunha execución maxistral”. A obra sumou tamén o premio á Mellor Banda Sonora para Paloma Peñarrubia, valorada “por estar perfectamente integrada na peza e facer crecer narrativamente a historia, e pola súa sutileza, sen subliñar emocións á vez que as acompaña”.

Na sección Furacáns (Non Ficción), o premio principal foi para Escala un cincuenta mil, de Ángel Suances e producida por Rebordelos, recoñecido “pola súa sutil e atmosférica construción da memoria a través do movemento, os fragmentos e unha deriva emocional”. O xurado da sección concedeu ademais unha mención especial para a produción de Sétima Furada Negra, dirixida Berio Molina, “por converter o son nunha forma de escavación que revela ecos, lendas e violencias enterradas que habitan a paisaxe subterránea”.

Imaxe de Cris Andina

O Festival de Cans entregou ademais o Premio Pedigree de Honor a Jaione Camborda (Esnatu Zinema). Querendo recoñecer así a traxectoria dunha cineasta xa imprescindible no audiovisual galego. Nos seus filmes, como O Corno e anteriormente Arima, Camborda constrúe relatos profundamente enraizados no territorio, cunha mirada que sitúa ás mulleres no centro da historia e que explora os límites do ser humano.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies