‘Auga Seca’ convértese a partir de mañá na primeira serie en lingua galega do catálogo de HBO. A ficción, rodada entre Vigo e Lisboa e producida por Portocabo e SPi, incorpórase ao catálogo de HBO España e HBO Portugal a partir deste mércores 1 de abril.
Despois da adquisición dos dereitos de emisión da serie por parte de HBO,’Auga Seca’ poderá verse mañá, mércores 1 de abril, na plataforma. Rodada orixinalmente en galego e en portugués, convértese así na primeira serie en lingua galega que se incorpora ao catálogo da plataforma, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés. Coa aposta de HBO por ‘Auga Seca’, desenvolvida pola produtora galega Portocabo e coproducida xunto á portuguesa SP-i, a serie avanza na súa difusión internacional a través da distribuidora británica DCD Rights.
‘Auga seca’, que xa finalizou con éxito a súa emisión en Televisión de Galicia e RTP, é un thriller que xira arredor do tráfico de armas e as conexións co mundo empresarial. Nel, a actriz portuguesa Victoria Guerra traballa a carón dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Os actores galegos Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais son algúns dos nomes que completan o elenco internacional da serie.
Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de José Amaral de SP-i e Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie. O guión corre a cargo de José Rubio, Carlota Dans, Lidia Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo e a música de Elba Fernández e Xavi Font. Sumando forza a este equipo internacional atópanse destacados profesionais do grupo SP Televisão, ao que pertence SP-i, cuxas series foron premiadas nos prestixiosos International Emmy Awards.
‘Auga Seca’ unha serie de Portocabo e SP-i distribuída por DCD Rights
Creada por: Alfonso Blanco
Dirección: Toño López
Produción executiva: Alfonso Blanco (Portocabo), José Amaral (Sp-i)
Xénero: Crime, Drama
Episodios: 6
Duración: 50 minutos
Estrea: 17 de xaneiro de 2020 (RTP1), 7 de febreiro de 2020 (TVG), 1 de
abril de 2020 (HBO)