As perdas non son de ficción

As perdas non son de ficción

Nun momento en que películas e series apoian o entretemento da maioría dos fogares, o sector audiovisual está afectado con perdas económicas moi afastadas da ficción.

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) fixo un balance para valorar o impacto da crise do Covid-19. Polo momento, as perdas están estimadas en máis de 3 millóns de euros que afectan a un total de 20 proxectos en marcha. A maioría son longametraxes de ficción, pero tamén hai documentais, curtametraxes e series.

As rodaxes son os máis impactadas, paralizáronse na súa totalidade e moitas tiveron que pospoñer as súas datas de inicio. A suspensión dos festivais interrompe a exhibición e distribución de películas que xa contaban con seleccións e confirmacións de estrea. A chegada ás salas comerciais tamén se viu truncada, é o caso de ‘Lúa Vermella’ de Lois Patiño recentemente estreada no Festival de Berlín e que tiveron que atrasar a súa estrea comercial prevista para abril. O mesmo lle sucede a ‘A illa das mentiras’ dirixida por Paula Cons e distribuída por Filmax. Casos como ‘María Soliña’ dirixida por Ignacio Vilar observan con preocupación este escenario que sitúa na corda frouxa a data de estrea prevista. Títulos que xa estaban na carteleira cunha gran acollida de público, como ‘O que arde’ ou ‘Eroski paraíso’ viron interrompida a súa actividade en salas de maneira abrupta.

Ademais, o financiamento en moitos casos viuse conxelado á espera de que se resolva esta difícil situación. A crise do coronavirus suspendeu case todo. O sector audiovisual galego independente ve con preocupación a supervivencia dalgúns dos seus proxectos para este 2020, que xa acumulan un 16% de media en perdas.
A parte económica é sempre o talón de aquiles, o esforzo por conseguir o diñeiro necesario para sacar adiante as longametraxes de ficción, documentais, curtametraxes e series é o gran reto ao que se enfrontan as produtoras independentes. Por este motivo, vívese con moita frustración a situación de incerteza financeira.

O sector audiovisual foi un dos máximo prexudicados polos recortes da crise de 2008 e novos axustes poderían supoñer o golpe de graza definitivo. É por iso que desde a Asociación solicitan medidas económicas consensuadas coas Administracións que axuden a paliar esta difícil situación, entendendo as prioridades sanitarias que teñen agora os Gobernos.

Esta crise para a que ninguén estaba preparado e da que aínda non sabemos cal será o seu final, azoutou duramente ao audiovisual galego, polo que desde Agapi traballan diariamente para dar apoio a todos os seus socios. Esperemos que o fin de todo isto se resolva cun xiro de guión inesperado.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies