A historia de Astrágalo Studio, como a do clásico de Kubrick “Odisea no Espazo”, comeza cun óso; e concretamente cun moi particular, o astrágalo. Este pequeno óso do nocello obrigou Jose Antonio Velo a collerse unha baixa de 6 meses. Foron estes meses de quietude e un pouco de morriña os que lle deron o impulso para regresar de Madrid a Ourense e fundar Astrágalo Studio fai case xa dez anos. Hoxe son un equipo de 5 persoas e traballan en diversos proxectos desde o deseño, a animación 2D e 3D, motion graphics, branded content, transmedia e tamén desenvolvemento web, pero o alicerce de todas estas canles é a creatividade. En palabras de Velo: “O contido é o rei, en función diso traballamos, creamos e innovamos para chegar á disrupción”.
Os comezos non foron fáciles e o escaso sector audiovisual de Ourense non axudaba, pero o certo é que levan xa case unha década en activo. Desde Astrágalo Studio afirman que por unha banda están os orzamentos e por outro as horas que acabas dedicando a cada proxecto, “ao final todos os proxectos levan moito agarimo”.
Actualmente contan con clientes moi diversos, desde o INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) co que levan traballando xa 7 anos, empresas como Banco Santander, BBVA, Tele 5, TVG, Finsa, a Deputación de Ourense, Everis ou proxectos de branding para startups galegas como Meraki, a Kombucha galega. Recoñecen que a produción propia cústalles pola falta de recursos, pero son mentes inquietas e por iso contan cun proxecto de animación que esperan sacar adiante nos próximos dous anos.
Preguntámoslle a José Antonio pola situación actual do sector audiovisual galego, e na súa opinión “está moi mal, as axudas son escasas, a TVG non cumpre co seu compromiso do 6% e a xestión é moi opaca. Sendo galego se te metes nunha coprodución con outras autonomías como País Vasco, quedas en minoría, é moi difícil producir aquí de maneira autónoma. Só nos queda esperar que mellore”.
Aínda que contan cunha ampla carteira de clientes teñen claro que o reto superar ao día seguinte, sobrevivir. “Vivimos nunha época en que a demanda de produción audiovisual é enorme, polo que a creación de contido de calidade é clave, pero hai moitas empresas, e as grandes acábanse comendo ás pequenas”. Por iso en Astrágalo Studio afirman que o seu labor é apostar pola creatividade e a innovación, para seguir creando así contido único.