‘Hierro’ e ‘O que arde’ acaparan numerosas nominacións aos Premios Mestre Mateo

‘Hierro’ e ‘O que arde’ acaparan numerosas nominacións aos Premios Mestre Mateo

A serie televisiva ‘Hierro’ e as películas ‘Quien a hierro mata’ e ‘O que arde’ acaparan un gran número de nomeamentos aos XVIII Premios Mestre Mateo, segundo revelou onte a Academia Galega do Audiovisual nun acto celebrado onte na Coruña.

Unha das novidades desta edición é que unha produción de televisión é a que conta cun maior número de candidaturas, a serie ‘Hierro’, producida por Portocabo, que suma un total de dezaseis. Emitida en Movistar+, ‘Hierro’ narra a historia de Candela (Candela Peña), xuíza experta e de forte carácter. Recentemente chegada ao seu novo destino, a illa canaria do Hierro, tócalle enfrontarse a un caso de asasinato.

Seguenlle de preto a ‘Hierro’ as longametraxes ‘Quien a hierro mata’, do director Paco Praza e producida por Vaca Films, con quince candidaturas, e ‘O que arde’, producida por Miramemira e dirixida por Óliver Laxe, con doce. As tres competirán polas estatuiñas que premian a Mellor Dirección, Guión, Fotografía, intérpretes protagonistas, Maquillaxe e perruquería, Montaxe, Son, Dirección de Arte e Dirección de Produción e Vestiario.

Segundo trasladou a organización no acto conducido pola actriz Tamara Canosa e o comunicador Rodrigo Vázquez onte ao mediodía no Teatro Colón da Coruña, a primeira rolda de votacións sitúa esta edición como unha das máis igualadas dos últimos anos. A unha certa distancia das tres favoritas sitúanse a película ‘Eroski Paraíso’, producida por OlloVivo e a serie ‘A estiba’. A adaptación para cinema do éxito teatral da compañía Chévere consegue sete candidaturas, mentres que o thriller policial da TVG obtivo seis.

Dos 18 documentais candidatos, os catro que chegaron a finalistas versan sobre temas moi diversos, como a ciencia, con ‘O futuro da mente’, de Agallas Films e Somadrome, o documental biográfico, representado por Manoliño Nguema de Filmika Galaika; a loita social, con ‘Noite irisada’ de Taller de Insomnios e Recunchos de Anma; así como a historia ‘O reino suevo de Galicia’, producido por La Región.

As gañadoras daranse a coñecer na gala que se celebrará o sábado 7 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, presentada pola actriz galega Patricia Vázquez.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies