Unha delegación institucional e empresarial galega viaxa xa cara a Berlín para participar no European Film Market, que arranca mañá na capital alemá en paralelo á 70ª edición do seu prestixioso festival internacional de cinema. A Xunta de Galicia apoia esta misión comercial, da que forman parte 17 compañías produtoras e distribuidoras, ademais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Cluster Audiovisual Galego (Clag) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

En concreto, desprázanse ata este mercado os representantes de Abano Producións, Big-Rights, Cósmica Producións, CTV, Del Álamo Estudio, Ficción Producciones, Maruxiña Films, Matriuska Producciones, Miramemira, Noveolas Producciones, Numax Distribución, Ollovivo Producións, Portocabo, Sétima Cinema, Sun Lúa, Vaca Films e Zeitun Films. Para todas elas, así como para as que participen noutras destacadas feiras e certames da industria audiovisual a nivel mundial, a Consellería de Cultura e Turismo disporá en 2020, como en anos anteriores, de dúas liñas específicas de subvencións da Agadic para a asistencia a mercados e foros internacionais e para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras.
 
Novo catálogo promocional
As devanditas empresas chegan á cita berlinesa con cadansúa carteira de títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa rematados. Moitos deles recóllense, ademais, na nova edición do catálogo promocional Films from Galicia, que inicia aquí a súa distribución internacional. Esta publicación anual da Xunta dá conta do bo momento que está a vivir o noso audiovisual, desta volta con información sobre 52 traballos, entre obras xa finalizadas e en proxecto, das que 32 contan con investimento do programa autonómico de axudas ao sector audiovisual.
 
Entre elas, atópase a produción de Zeitun Films Lúa vermella, o novo filme do realizador Lois Patiño, que se estrea mundialmente o sábado 22 dentro da sección Forum da Berlinale. Esta película, na que o director vigués regresa á Costa da Morte, que lle deu título á súa primeira e premiada longametraxe, será un dos focos principais do evento Galician Film Industry at Berlinale, que terá lugar na noite do luns 24 no Academie Lounge. Neste acto, organizado pola Agadic e o Clag, o audiovisual galego será o anfitrión de profesionais do sector de numerosos países.
 
Outro dos momentos con destacada presenza galega terá lugar na mañá do sábado dentro do ciclo de conferencias organizado polo ICEX España Importación e Inversiones e o Instituto de la Cinematografía y las Artes Audiovisuales (ICAA), durante o que Andrea Vázquez e Xavi Font, produtores do filme de Oliver Laxe O que arde, intervirán na sesión dedicada a casos de éxito no ámbito da coprodución nacional e internacional.
 
Ademais, e como en anos anteriores, as empresas galegas acreditadas no European Film Market contarán cun espazo propio para as súas xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón de Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau. A Agadic, xunto con outras entidades e organismos autonómicos, forma parte desta plataforma do ICEX e o ICAA, desde onde difunde tamén o catálogo Films from Galicia.