Hoxe terá lugar, na sede de Afundación en Vigo, a preestrea da nova serie galego-portuguesa ‘Auga seca’. Esta serie está coproducida pola empresa galega Portocabo e a portuguesa SP-i para a TVG e a Rádio e Televisão de Portugal (RTP).
‘Auga Seca’ é un ‘thriller’ de seis capítulos, de 50 minutos cada un, rodado entre a cidade olívica e Lisboa o pasado verán, que verá a luz na TVG este próximo domingo, en horario de ‘prime time’.
Esta nova aposta de ficción da Galega, primeira serie en galego que accedeu ao exclusivo Mipcom de Cannes, mercado audiovisual onde converxe a industria global de medios e entretemento, emítese en Portugal desde o pasado 17 de xaneiro con moi boa aceptación. Trátase dun produto con vocación internacional, que será distribuído internacionalmente pola británica DCD Rights, distribuidora que se comprometeu coa serie mesmo antes da súa rodaxe.
Dirixida por Toño López, ‘Auga seca’ é un drama policial enmarcado no universo do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial, que ten como protagonistas principais a actriz portuguesa Vitoria Guerra e os galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos. Un ‘thriller’ que conta a historia de Teresa, unha muller que toma a decisión máis arriscada da súa vida: infiltrarse nunha organización criminal para vingar a morte do seu irmán.
A trama cargada de xiros e sorpresas supón unha nova colaboración entre a TVG e a RTP, canles que manteñen lazos estreitos, despois de coproducir tamén as series ‘Vidago Palace’ e ‘Verão M’ e programas como ‘Camiños de irmandade’ e especiais de ‘Aquí Galicia’ e ‘Aquí Portugal’.
A produción sonora da serie correu a cargo da empresa galega Cinemar Films.