20 de abril do 2026. – Así chegou a noite, o último filme de Ángel Santos, chegará ás salas de cine o próximo venres 30 de abril.
Nesta semana, o cineasta atópase no Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente (BAFICI), no que ademais de ser membro do xurado internacional, tamén protagoniza unha retrospectiva arredor da súa obra na que se proxectará ao longo deste mes. O público arxentino está podendo repasar obras como Las altas presiones, Anotaciones para Dos fragmentos / Eva / + Dos fragmentos / Eva, Septiembre (Los amores jóvenes), Así vendrá la noche, Alicia fai cousas ou ver en primicia no país Así chegou a noite, a última película do cineasta.
Así chegou a noite é un filme rodado integramente en Galicia no que explora temas como as relacións de parella, a necesidade de romper os vínculos co pasado ou a tentación de desaparecer. Un drama intimista coa identidade como tema central que supón un novo paso de madurez na ficción galega de autor, que lle valeu o galardón á mellor dirección do Festival Internacional de Cine de Xixón, onde tivo a súa estrea mundial.
Protagonizada por Denís Gómez (Pablo) e Violeta Gil (Andrea), en Así chegou a noite, “un escultor establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega. Aos poucos irá illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familiares. Cando unha antiga amante acuda ao seu encontro provocará a reflexión do escultor sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida.”
