A TVG acolleu o pasado martes 30 de xuño a estrea da serie documental ‘Domar o vento’ (Tamboura Films)

A TVG acolleu o pasado martes 30 de xuño a estrea de ‘Domar o vento’, producida pola nosa asociada de AGAPI, Tamboura Films. Unha serie documental de aventuras formada por oito capítulos de 50 minutos protagonizada polo xinete e viaxeiro galego Adrián Martíns. Acompañado polos seus cabalos de Pura Raza Galega, Farruco e Grelo, emprende unha travesía única polas catro provincias galegas cunha condición moi particular: viaxar sen tecnoloxía nin cartos, dependendo exclusivamente da axuda das
persoas que atopa polo camiño.
Ao longo da súa ruta, Adrián percorre montañas, bosques, aldeas, rías e cantís, descubrindo unha Galicia afastada dos circuítos habituais e coñecendo persoas que lle abren as portas das súas casas e das súas vidas. O programa converte cada etapa nunha sucesión de encontros humanos, historias de superación, tradicións e formas de vida que seguen a formar parte da identidade do territorio.
Máis alá da aventura, ‘Domar o vento reivindica’ o valor do rural galego, a hospitalidade das súas xentes e a riqueza paisaxística e cultural de Galicia. A serie tamén pon o foco na Pura Raza Galega, unha raza autóctona que estivo en perigo de extinción e que durante séculos desempeñou un papel fundamental na vida e nos desprazamentos da poboación galega.
Ao longo dos oito capítulos, Adrián vivirá momentos de tensión, diversión e emoción, protagonizará reencontros inesperados e compartirá parte da súa viaxe con persoas moi diversas. Entre elas destaca a participación do coñecido creador de contido e viaxeiro Lethal Crysis (Rubén Díez), con preto de 6 millóns de seguidores en Youtube, que se suma a unha parte da aventura para descubrir Galicia desde unha perspectiva diferente.
