Os produtores independentes séntense desamparados e en grave perigo coa inminente aprobación da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que adaptará a España a Directiva Europea de Servizos de Comunicación Audiovisual de 2018.
En opinión dos produtores, a redacción actual deste Anteproxecto de lei dinamitará nuns poucos anos o patrimonio cultural do audiovisual español, así foi denunciado onte na presentación ofrecida no marco do Festival de San Sebastián.
Ante esta situación cualificada como de extrema gravidade, presentouse en San Sebastián a PAP (Plataforma de Produtores Audiovisuais Independentes) que integra a asociacións e federacións de producións que representan o 90 por cento do sector co fin de establecer unha canle de diálogo que permita modificar, entre outras cuestións, a definición de produtora independente e as obrigas de investimento para plataformas e canles de televisión.
Actualmente, esta nova plataforma confórmana a Asociación Estatal de Cinema, AECINE; a Federación Española de Asociacións de Produtoras de Animación, DIBOOS; a Federación de Asociacións de Produtores MAPA; a Federación de Produtores Audiovisuais Independentes, PIAF; a Federación de Produtores Audiovisuais, PROA, e a Asociación de Empresas Produtoras de Audiovisual Internacional, PROFILM.
AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) pertence á Federación de Asociacións de Produtores MAPA que á súa vez está integrada na PAP (Plataforma de Produtores Audiovisuais Independentes).