A longametraxe ‘Sica’, producida por Miramemira, ródase na Costa da Morte

A longametraxe ‘Sica’, producida por Miramemira, ródase na Costa da Morte

Diversas localidades da Costa da Morte acollen estes días a rodaxe de ‘Sica’, primeira longametraxe de ficción da directora catalá Carla Subirana, de recoñecida traxectoria no ámbito do documental. Trátase dunha coprodución entre Cataluña e Galicia, rodada en galego, que conta na maioría do seu equipo artístico con actrices e actores non profesionais da Costa da Morte. 

Thais García, unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños saída dun exhaustivo casting por toda a Costa da Morte, encarna a protagonista, Sica, a filla dun mariñeiro que desaparece ao naufragar o seu barco. Mentres agarda a que o mar lle devolva o cadáver de seu pai, Sica distánciase da súa nai –interpretada pola actriz catalá Núria Prims– e da súa mellor amiga, Leda (María Villaverde), que tamén perdeu a seu pai no naufraxio. O único apoio atópao nun novo amigo, Suso (Marco Antonio Florido), un rapaz da zona a quen chaman O cazatormentas.  

As empresas coprodutoras son a catalá Alba Sotorra, finalista nos Premios Goya co documental El retorno: la vida después de Isis, e a galega Miramemira, detrás de O que arde, de Óliver Laxe, o gran éxito do cinema galego dos últimos anos. A produción conta co apoio do ICEC da Generalitat de Catalunya, do ICAA do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa Europa Creativa da Unión Europea. 

O filme estase a rodar en diferentes concellos da Costa da Morte, como Camariñas, Ponteceso, Laxe ou Malpica. O groso da rodaxe comezou o 6 de decembro e extenderase ata o 14 de xaneiro. No equipo técnico destacan Mauro Herce (Premio Goya por O que arde) como director de fotografía, Aleix Castellón (Pa Negre, Incierta Gloria) como director de producción, Andrea Pozo (María e os demais, Fariña) como directora de arte, Amanda Villavieja (O que arde, Entre dos aguas), como xefa de son ou Juliana Montañés (10.000 km, Tierra Firme) na montaxe. Á fronte da produción executiva están Alba Sotorra, Andrea Vázquez e Xavi Font, quen tamén se encarga da música. 

Carla Subirana, directora e guionista

En 2016, Carla Subirana chegou á Costa da Morte para facer o Camiño dos Faros e quedou «absolutamente fascinada polas súas paisaxes e polas historias de vida deste pobo mariñeiro marcado pola brutalidade do seu océano». Seguindo a metodoloxía da súa experiencia como documentalista, nos seguintes anos foi coñecendo as persoas clave para crear os personaxes dunha longametraxe de ficción que pivota sobre dúas ideas fundamentais: a transformación dunha forma de vida historicamente vinculada ao mar de toda unha comunidade, e a ameaza dos fenómenos meteorolóxicos extremos e da violencia natural dun planeta ferido pola acción humana. 

Carla Subirana é cineasta e profesora de cine na Facultade de Comunicación Blanquerna, así como de másters en varias universidades. O seu cine atópase a medio camiño entre o documental e a ficción. A súa ópera prima, Nadar (2008), un filme autobiográfico sobre a memoria histórica e persoal, proxectouse en múltiples festivales internacionais e é obxecto de estudo en Universidades como Harvard, UMASS, Cardiff University, etc. Kanimambo (2012), premiada coa Mención Especial do Xurado do Festival de Málaga, e Atma (2016), son as súas primeras incursións na curtametraxe e tamén na ficción. Con Atma recibiu o Premio Nacional de Dança no Fiver 2017. A figura da muller é central no seu traballo, e ten participado en múltiples mesas redondas sobre cinema e xénero. Ademais é socia fundadora da asociación Dones Visuals.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies