A Iniciativa polo galego no audiovisual chega ao Parlamento Europeo, con Xosé Lois Ledo coma representante de AGAPI

A Iniciativa polo galego no audiovisual chega ao Parlamento Europeo, con Xosé Lois Ledo coma representante de AGAPI

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, instou ao Parlamento europeo a que o informe sobre a aplicación da Directiva do audiovisual asegure igualdade de condicións para o galego e outras linguas nas cotas de pantalla, financiamento anticipado, dobraxe, lexendaxe, interfaces, webs e audiodescricións, tal e como reclamaba a Iniciativa Xabarín

Unha delegación composta por Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Xosé Lois Ledo, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), defendeu esta mañá no Parlamento europeo a igualdade para o galego no audiovisual tal e como  propuña a Iniciativa Xabarín aprobada unanimemente no Parlamento de Galiza e a maioría de concellos galegos. Esta comparecencia produciuse no Intergrupo de linguas, do que forman parte deputados de todos os grupos da eurocámara, no marco da elaboración do informe parlamentar sobre a Directiva europea do audiovisual que clarificará os termos no que os Estados a deben aplicar. A delegación foi presentada pola deputada do BNG Ana Miranda.

O Grupo de Estudos audiovisuais da USC interveu, tamén, a través dunha vídeo conferencia representado pola investigadora e docente Mª Soliña Barreiro, na presentación das emendas presentadas pola Iniciativa galega polo audiovisual (composta pola Mesa, AGAPI, AAAG, AGPTI, Crea, Asoc Guionistas e o propio GEA) ao informe sobre a aplicación da directiva europea de comunicación audiovisual que debate o Parlamento Europeo.

Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, advertiu ao Parlamento Europeo que a lei española non toma en conta o contemplado no artigo 12 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, nin a Directiva europea  respecto á pluralidade lingüística ou ao estabelecemento de regras rigorosas que a garantan. “O audiovisual non pode ser un espazo máis de exclusión do galego”, reclamou Maceira. “Tanto por influencia como por presenza, cada vez máis intensa e relevante”, advertiu, “o audiovisual debería ser un ámbito de actuación estratéxico de calquera política que procure realmente a normalización dun idioma”. “O mesmo tratamento que se lle dá ao español para contar con contidos audiovisuais débeselle dar á lingua propia de Galiza”, concluiu.

Maceira informou aos parlamentarios europeos de que o  Estado español non está a garantir a presenza do galego en igualdade de condicións co español nas cotas de pantalla, financiamento anticipado, dobraxe, lexendaxe, interfaces, webs e audiodescricións. “Se a directiva europea sinala que os Estados membros deben asegurar que as plataformas audiovisuais baixo do seu territorio ofrezan á cidadanía, polo menos, un 30% de obras europeas nos seus catálogos, incluíndo aquelas que teñen sede fóra do propio Estado”, explicou o presidente da Mesa, “a nova Lei española limita a presenza das linguas oficiais minorizadas ao servizo público de comunicación audiovisual (TVE) e ás plataformas de ámbito estatal. “Ademais de contravir o sinalado expresamente na Directiva”, engadiu, “permítense non cumprir cos mínimos comezando por TVE, que debería dar exemplo, mais nin dobra a galego nin dispón de contidos en galego para a infancia e mocidade”. “Todas estas cuestións deben ser aclaradas na directiva europea para promover verdadeiramente a pluralidade lingüística”, rematou.

O vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Xosé Lois Ledo, recordou que a definición de “produtora independente” que recolle a nova lei estatal debe ser clarificada na directiva europea de servizos de comunicación audiovisual. “Para que exista un financiamento axeitado para o cinema independente”, rematou, “o único que garante produción en galego”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies