A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vén de facer público os proxectos seleccionados para o AGAPI IMPULSA COPROS, un programa gratuíto de asesoría personalizada para mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión.
Este comité, formado por Mercedes García- Nieto, Mónica Hidalgo, Xavi Font e Beli Martínez, profesionais de recoñecido prestixio dentro do ámbito a produción executiva, seleccionaron un total de 5 proxectos de creadores e creadoras emerxentes para que durante os meses de setembro, outubro e novembro formen parte dun programa de mentorización progresiva, no que se tratarán temas como orzamento, plan de financiamento, plan de rodaxe, dossier e pitching.
Os proxectos seleccionados foron “¿Dónde están los ladrones?” de Julu Martínez, “As Movidas” de Alejándro Gándara, “Primera Inmersión” de Cristela Torres, “Furtivo” de Uxía Diéguez e “Chorima” de Alicia Úbeda.
AGAPI IMPULSA COPROS conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.