Volve unha nova edición da Chanfainalab que se desenvolverá en San Sadurniño dende o xoves 1 ata o 4 de setembro. https://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/7-chanfainalab/
Despois destes dous anos difíciles baixo a ameaza da pandemia, na fin de semana do 1 ao 4 de setembro do 2022 recuperan de novo a marabillosa experiencia audiovisual da ChanfainaLab: un encontro de cineastas que pon en valor o territorio do concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as.
A idea é sinxela: os participantes teñen que gravar na fin de semana unha película coa duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural e as súas xentes, a emigración, a memoria histórica, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir.
Na presente edición participarán 32 realizadores e realizadoras, entre os 17 anos e os 74. Como é habitual, entre os nomes haberá figuras destacadas ou cunha longa traxectoria que compartirán escenarios con valores emerxentes e persoas sen experiencia pero coas mesmas ganas de contar e experimentar coa imaxe. Porén, ademais da parte creativa, o Chanfaina Lab volve ofertar obradoiros abertos ao público e proxeccións todos os días presentados polos seus creado@s, así como unha exposición sobre os XX anos de “O bosque animado”.