A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) contará con cinco profesionais de recoñecido prestixio dentro da produción executiva para a mentoría dos proxectos seleccionados na II edición do AGAPI IMPULSA COPROS, un programa gratuíto de asesoría personalizada para mellorar e orientar no financiamento de proxectos de coprodución para cinema e televisión.
Este grupo de mentores estará formado por: Chelo Loureiro (Abano Producións), Gael Herrera (Tamboura Films), Paula Cons (Agallas Films), Alfonso Blanco ‘Fosco’ (Portocabo) e Dani Froiz (Matriuska Producciones). Todos eles produtores e produtoras de dilatada experiencia e traxectoria.
O prazo de presentación para participar na II Edición do AGAPI IMPULSA COPROS pechou o pasado 10 de abril cun total de 23 traballos recibidos. Nos vindeiros días anunciaranse na web de AGAPI os 5 seleccionados que terán a oportunidade de traballar man a man coas mentoras e mentores de forma que o proxecto poida ir mellorando durante os tres meses que dure este valioso acompañamento.
Estas titorías de mentoring levaranse adiante desde o próximo mes de maio ata xullo de 2023 co obxectivo de lograr un impacto de resultados positivos que permita materializar os proxectos.
AGAPI IMPULSA COPROS conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.