A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vén de facer público o comité de selección para a II Edición do AGAPI IMPULSA COPROS, un programa gratuito de asesoría personalizada para mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión.
Este comité, formado por profesionais de recoñecido prestixio dentro do ámbito a produción executiva, está composto por: Amalia Mato, de Recrea Films; Jaione Camborda, de Esnatu Zinema; e X.L. Ledo Andión, de Nós Produtora Cinematográfica Galega. Estas serán as persoas encargadas de seleccionar os 5 proxectos que participen nesta II Edición.
AGAPI IMPULSA COPROS está dirixido a creadores e creadoras menores de 30 anos que presenten un proxecto orixinal de longametraxe ou serie para cine ou televisión, en galego ou en castelán.
A convocatoria para presentar proxectos estará aberta ata o 10 de abril ás 13:59 horas.
AGAPI IMPULSA COPROS conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.