A xornada educativa ‘Detrás da pantalla. Como se fai o que vemos?’ chega aos colexios grazas á colaboración de AGAPI e a Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo
Co inicio do novo curso escolar AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) arranca as xornadas educativas por centros de ensino, nesta ocasión, da provincia de Lugo. A través da colaboración coa Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo o alumnado de seis centros educativos disfrutarán da actividade ‘Detrás da pantalla. Como se fai o que vemos?’
Destinado ao curso de 6º de primaria, o obxectivo destas xornadas é achegar de primeira man as experiencias e coñecemento dos profesionais do sector audiovisual galego aos diferentes Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da provincia co fin de potenciar o papel da produción independente en galego en contacto directo coa mocidade
A iniciativa arranca este luns 5 de outubro no CEIP Plurilingüe Os Castros (Burela) coa produtora asociada de AGAPI Laura Doval, de Gaitafilmes. O venres 9 de outubro a Marina García, de Sintagma Films, asistirá ao CEIP Plurilingüe Eloisa Rivadulla (Chantada). A cidade de Lugo será o terceiro destino desta xornada, que se celebrará o mércores 14 de outubro no CEIP Albeiros da man Tania Vila (Artyc Content). A produtora asociada de AGAPI Marta Eriz de Danga Danga Producións será a encargada de levar a actividade ao CEIP Terra Chá (Vilalba) o venres 16 de outubro. O luns 19 de outubro celebrarase a penúltima das xornadas no CEIP Plurilingüe Monforte de Lemos da man de Irene Pin da produtora Aqueladas. A xornada educativa ‘Detrás da pantalla. Como se fai o que vemos?’ finalizará o mércores 21 de outubro no CEIP Frei Luis de Granada (Sarria) da man do produtor asociado de AGAPI Andrés Sanjurjo (Acariño Films).
