Os presidentes da Asociación PuntoGal, Manuel González González e de Agapi, a Asociación Galega de Produtores Independentes, Felipe Lage Coro, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal Agapi se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, os socios de Agapi poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático, dada a situación de confinamento provocada pola crise do Covid-19.
PuntoGal e Agapi
PuntoGal, que supera os cinco mil dominios rexistrados, quere “continuar a promover convenios con colectivos coma AGAPI, que representa un sector audiovisual dinámico e diverso, ao mesmo tempo que cunha clara vinculación co noso territorio, e no que a identidade galega se está a ver coma unha marca de calidade” en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.
Agapi é a asociación pioneira do sector audiovisual galego e leva traballando a prol do mesmo desde hai máis de 25 anos, representando ás empresas da produción independente.
Darío Janeiro tamén salientou “o importantísimo papel que internet está tendo na produción e consumo de entretemento, para o que xa non se pode falar de contidos multiplataforma sen ser redundante.
Pola súa banda, Felipe Lage quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “facilita e fomenta o apego territorial das empresas’. Lage tamén salientou que “a sinatura abre un camiño de colaboración conxunta nun entorno cada vez máis afeito a traballar en rede’’.
O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados de Agapi poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.