A Fundación Carlos Casares organiza entre o 24 e o 28 de xuño a vixésima edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), dentro da oferta formativa de Extensión Universitaria da UVigo. Neste sentido, a entidade leva dende o ano 2004 levando cada verán á vila ourensá, berce de Curros Enríquez, a diversos profesionais do sector audiovisual para que analicen de forma e polo miúdo o seu labor diante das persoas que se matriculan no curso, que poden ser tanto alumnado universitario como público interesado no sector, xa que non hai restrición neste sentido.
Baixo o título “20 anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade”, para este ano os directores do Curso, Paulino Pérez Feijoo e Miguel Anxo Fernández, da Facultade de Comunicación da UVigo, convocaron diversos perfís profesionais, artísticos e técnicos, das películas +Cuñados, As neves e Tratamos demasiado bien a las mujeres, as tres de estrea recente. Acudirán actores como Federico Pérez e Xosé Touriñán, produtores como Nati Juncal e Javier Lopa, a guionista Sonia Méndez e o director Miguel Barros, o director de fotografía Sergio Franco, a maquilladora María Porto ou a estilista Sonia García, entre outros profesionais.
Ademais dos filmes, haberá espazo para unha máster class sobre road movies, impartida por José Manuel López, así como curtas premiadas en diversos certames (“Nena”, de Xosé Touriñán e Jairo Iglesias; “O frío”, de Pablo Dopazo; “Habitar”, de Anxos Fazáns; “Nai”, de Tito Refoxo; e “Betas”, de Alberto Senín; unha mesa sectorial coa participación de diversos axentes dos sector e, finalmente, a presentación da webserie “Dúas señoras”, das directoras Uxía Soutullo e Luján Monteiro, a 14ª produción do taller audiovisual “Celanova, plató de ficción”.
OUTROS EVENTOS CULTURAIS. 20 ANOS DE CURSO DE MEDIOS EN CELANOVA
Ademais de repasar a realidade do audiovisual galego e español, a 20ª edición do curso tamén analizará a figura de Carlos Velo, cuxa Fundación é a única de finalidade audiovisual en toda España.
Pensando nas persoas matriculadas, organizarase unha ruta cultural polo Concello de Celanova e no AMIC instalarase unha pequena mostra fotográfica dos 20 anos de Curso de Medios Audiovisuais de Celanova. Durante este tempo rexistráronse no CeMAC máis de 1.000 matrículas, preto de 400 profesionais e docentes, e proxectáronse máis dun centenar de filmes e pezas audiovisuais.