A pasada semana púxose en marcha a rodaxe de Monstro; a nova película de Andrés Goteira, un director que xa obtivo numerosos éxitos neste xénero coa súa opera prima ‘Dhogs’.
‘Monstro’ é unha viaxe á fantasía, ao silencio e ao misterio. Un home chega a unha casa illada en plena natureza e decide instalarse nela para escapar da monotonía da cidade. Parece sentirse cómodo na soidade dese estraño fogar ata que descubre que nun misterioso monte próximo á súa casa habita unha antiga criatura.
Nesta longametraxe, Andrés Goteira explora a tensión entre o medo e a identidade a través dunha narración muda. A película leva ao espectador a unha viaxe persoal cruzando a intersección do aburrimento, o illamento e as presións da vida moderna.
No reparto da película inclúense importantes nomes do audiovisual galego, como Antonio Durán “Morris” e Iván Marcos que coprotagonizan Monstro. Os dous son actores galegos cunha ampla traxectoria. “Morris” é unha das caras máis coñecidas do audiovisual galego e ten participado en producións nacionais de grande popularidade como ‘Los Serrano’, ‘Los Hombres de Paco’, ‘Hospital Central’, ‘El Ministerio del Tiempo’, ‘La Familia Mata’ o ‘Sin Tetas no hay Paraís’o ata chegar á exitosa ‘Fariña’ onde interpretou a Charlín e pola que acadou importantes premios. Iván Marcos participou en
series como ‘Matolobos’, ‘Fariña’, ’45 revoluciones’ e ‘Jaguar’, entre outras, e obtivo un premio Mestre Mateo como mellor actor principal pola súa interpretación en ‘Dhogs’.
Un 80% de Monstro ródase en plena natureza; en lugares localizados nos concellos de Castro de Rei, A Pontenova, Meira, Becerreá, As Nogais, A Fonsagrada, A Pastoriza, Lugo e Ferrol. O proceso da produción inspirase na calor das cociñas de leña típicas da Terra Chá, centro da colaboración dun equipo moi unido e cunha parte significativa da película rodada en escenarios naturais próximos á comarca de Meira, lugar de orixe da produtora Gaitafilmes.
Esta nova longametraxe de Andrés Goteira está producida por Gaitafilmes en coprodución con Mordisco Films e Indígena Films. Tanto Gaitafilmes como Mordisco Films son produtoras nacidas no rural galego e con estudos de posprodución tamén fora das grandes cidades; Gaitafilmes en Mestre (Ribeira de Piquín) e Mordisco Films en Bóveda. ‘Monstro’ está financiada pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (AGADIC) e a ICAA e coa participación de
RTVE e CRTVG.
