A sexta edición do Festival Primavera do Cine presentou as bases para concorrer ao certame, que terá lugar entre o 5 e o 14 de maio na cidade de Vigo. A A.C. Reencanto Produccións, como entidade organizadora, en colaboración co Concello de Vigo e o Instituto Camoes, manterá a súa aposta polo audiovisual galego e lusófono, consolidando así o carácter internacional da cita fílmica.
Así mesmo as actividades paralelas ao festival continuarán coa vontade de orientación de servizo público, visibilizando, en palabras da organización, proxectos de xustiza histórica e promovendo valores como a ecoloxía e a sostenibilidade, facendo posible, así, un cinema comprometido. As proxeccións terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo, como Sede principal; no Instituto Camoes e no Marco, espazo cedido pola Administración local. Existe, asemade, a posiblidade de ampliación a un cuarto esceario, pendente de confirmación. O número de pezas, das que poderá gozar o público, será dunhas cen propostas no computo global de modalidades. O período de recepción de filmes abranguerá desde o día 12 de xaneiro ata o día 21 de febreiro. As produtoras e cineastas interesados en enviar os seus traballos poden acceder ás bases e ao formulario de inscrición a través da web primaveradocine.com.