A unión fai a forza

A unión fai a forza

A pandemia puxo ao mundo nunha paréntese para o que non estabamos preparados, pero podemos estar preparados para algo así? O certo é que baixar o ritmo deunos tempo para reflexionar sobre o que temos e repensar como queremos construír a partir agora. Agapi, a Asociación Galega de Produtoras Independentes tamén viviu este momento de reflexión, e por iso quixo preguntar a varios dos seus socios sobre o estado de saúde do sector audiovisual galego e sobre que pasos se deberían dar a curto prazo para iniciar unha reconstrución con sentido.

O confinamento fixo que de maneira forzada volvésemos conectar co presente, e mentres o faciamos inevitablemente tivemos que botar a vista atrás, porque só analizando o vivido podemos apreciar o que temos e pensar o que queremos ser. E isto é precisamente o que fixeron varias das produtoras e cineastas galegas, volver repensar o valor diferencial do sector audiovisual galego para saber o que lles fai fortes.

A directora Jaione Camborda de Esnatu Films e Iván Patiño de Amanita Studio comparten unha mesma visión sobre o compañeirismo e para eles está claro que a unión fai a forza:

Nos últimos anos forxouse entre os creadores galegos unha unión moi especial, baixo o meu punto de vista hai moita xenerosidade, moito contaxio dun cinema con voz propia e moito compromiso. Unha xeración de cineastas e produtores que soubo chegar dende o local ao universal, ademais de chegar a un público internacional. Para min o que nos diferencia ao cinema galego actual respecto de outras latitudes é esa unión e esa aposta por un cinema sensible e comprometido” (Jaione Camborda, Esnatu Films).

“Está claro que o percorrido que estamos a ter en festivais é tan grande que asusta, e creo que en parte débese ao compañeirismo galego. Cando non atopas algunha resposta a certas preguntas é marabilloso poder chamar a un compañeiro de Agapi ou algún dos compañeiros de Proxecta ou Crea, é fantástico ver como se desviven por responder, pode soar unha “parvada” pero o feito de que respondan e o fagan dunha maneira tan completa di moito como industria e creo que isto é algo que nos fai fortes como sector” (Iván Patiño, Amanita Studio).

Pero, que ten o sector audiovisual galego que o fai único? Para Jose Antonio Velo de Astrágalo Studio hai dous factores crave: “Como axente pasivo para a xente que vén rodar aquí, hai que dicir que Galicia achega unha riqueza sonora, paisaxística e cultural única, ademais contamos con técnicos moi cualificados e experimentados. E doutra banda se penso en Galicia como xerador de contido audiovisual, o que damos é unha visión diferente, temos unha maneira distinta de ver as cousas, temos unha “retranca” que non existe en ningún outro lado, un humor moi particular, unha realidade social, unha maneira de vivir e mirar propias, por iso todo o que sae de aquí ofrece ao espectador unha visión completamente diferente”.

Para Suso López de Gaitafilmes o idioma e a cultura propias posiciónanos dentro do mercado, “Ter un idioma e cultura propias fainos diferentes, de feito cando se crean etiquetas como Novo Cinema Galego faise en parte grazas precisamente a isto, e estas etiquetas axúdannos moito á hora de ter visibilidade e recoñecemento internacional”.

Está claro que reconstruír nunca é fácil, e facelo despois dun ano como o 2020 aínda máis, pero o sector audiovisual galego móstrase optimista, con ganas de seguir crecendo e sendo moi consciente das súas forzas como sector. O apoio á distribución e ao desenvolvemento de proxectos é algo que ven como fundamental o produtor Suso López de Gaitafilmes e a directora Paula Cons de Agallas Films:

“Para nós como produtora parécenos fundamental a distribución e o apoio á visibilidade do audiovisual galego. Igual que hai liñas de axudas para a produción que se apoie tamén a distribución para as produtoras e as películas. E por outra banda dar máis visibilidade aos nosos proxectos, quizais a TVG podería dar un pouco máis de apoio neste sentido” (Suso Lopez, Gaitafilmes).

“O primeiro é que continúen apoiando como o estiveron facendo ata o de agora, que iso non decaia, pero que non se esquezan de apoiar tamén ao desenvolvemento dos proxectos, que é unha parte fundamental para poder seguir facendo proxectos de calidade” (Paula Cons, Agallas Films).

Desde Monforte de Lemos, Iván Patiño fundador e produtor de Amanita Studio propón crear unha rede de exhibición no rural galego, demasiadas veces esquecido: “Cos nosos documentais son moitos os concellos que están interesados, pero non teñen salas ben acondicionadas e tampouco fondos económicos suficientes para pagar uns fees rendibles. Aquí hai un baleiro e esta rede de exhibición rural a min antóllaseme como fundamental, porque facemos películas para que cheguen á xente”. Ademais, en Amanita Studio cren que é clave seguir apostando pola marca Galicia e axudar ás produtoras con incentivos fiscais para que sexa máis fácil rodar aquí “é sabido por todos que a serie Hierro non se puido rodar en Galicia porque non atoparon o suficiente respaldo económico. Creo que aquí habería unha mellora a curto prazo moi interesante”.

Para a produtora Chelo Loureiro de Abano Producións, unha das accións principais para reconstruír o sector é potenciar a televisión de Galicia: “Non hai interese político, non se está atendendo como se debería, e é a gran materia pendente do noso sector. Unha televisión forte, que poida dar traballo ao sector, ofrecer entretemento de calidade e facer cultura”.

Está claro que Roma non se construíu nun día, pero agora que podemos empezar novos camiños, as produtores independentes galegas teñen claro que é fundamental apoiar ao sector dunha maneira transversal e seguir tecendo esa rede entre as diferentes empresas do sector.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies