A Televisión de Galicia estrea esta noite ás 22.30h a longametraxe galega ‘Eroski Paraíso’, unha comedia dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, producida por OlloVivo e Chévere.
‘Eroski Paraíso’ naceu coma unha obra de teatro creada pola compañía Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, que, despois dunha xira de varios anos por España e éxito de público, converteuse en longametraxe. A peza, que conta nos papeis principais con Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Cris Iglesias, está baseada en historias reais que aconteceron no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros, que pechou en 1990 e que actualmente é o supermercado Eroski.
A película narra a historia de Álex, unha nova cineasta, que decide facer un documental sobre a historia dos seus pais, agora divorciados. Antonio e Eva coñecéronse na sala de festas Paraíso, en 1989, casaron e tiveron unha filla.