O Festival Internacional de Cine da Coruña INTERSECCIÓN acolle catro títulos de produtoras asociadas de AGAPI dentro da súa Sección Competitiva Galicia

A 9ª edicion de INTERSECCIÓN, Festival Internacional de Cine da Coruña, que terá lugar do 13 ao 17 de outubro de 2026, reuniá 27 filmes de 22 países na súa programación. O festival indaga nas novas linguaxes cinematográficas e alberga obras creadas dende a valentía, a diversidade e a curiosidade, ofrecendo ao público a posibilidade de ver narrativas non convencionais e rupturistas, que van desde o cine de autor ás correntes máis actuais do cinema de vangarda. Entre esta selección atópanse catro títulos de produtoras asociadas de AGAPI dentro da Sección Competitiva Galicia.
‘Krakatoa’ de Carlos Casas (Filmika Galaika) aposta por unha inmersión magmática nas profundidades da terra. Confrontanto co percorrido colectivo de reinterpretación da cidade de Santiago de Compostela de ‘Despois das cidades’ de Xacio Baño (Rebordelos). A estas dúas longametraxes súmanse, dentro da mesma sección, dúas curtametraxes producidas tamén asociadas de AGAPI. O relato bordado de ‘O corpo de Cristo’ de Bea Lema (Abano Producións) que aproxima ao espectador ao sufrimento psíquico. Un sufrimento presente tamén en ‘Avisa cando chegues’ de Ángela Andrada (Brava) a través, neste caso, da agresión sexual e a necesidade de recuperar a vida propia.
Outra das grandes achegas do festival ao ecosistema cultural é NEXUS, o espazo de INTERSECCIÓN dedicado a industria. Dentro de NEXUS desenvólvense diferentes actividades que potencian o festival como nodo de comunicación cultural e comercial entre os diferentes axentes do sector cinematográdico. En NEXUS aúnanse programas formativos e de apoio á creación, como INTERSECCIÓN LAB, xunto con espazos de coprodución como FORO. Desde AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) formamos parte dos organismos colaboradores de INTERSECCIÓN, apostando pola creación dunha plataforma que busca xerar sinerxias e tecer redes entre todos os axentes do sector cinematográfico.
