O 2019 está sendo un ano extraordinario no que se refire ao recoñecemento do noso audiovisual galego. Os premios e nominacións non deixan de chegar e títulos como ‘O QUE ARDE’ ou ‘HIERRO’ consolídanse como os fenómenos do ano.
A serie ‘HIERRO’ producida pola empresa coruñesa Portocabo, que vén de recoller dous Premios Ondas nas categorías de Mellor serie de TV e mellor intérprete feminina por Candela Peña; así como un Premio Iris ao Mellor guión para Jorge Coira, Araceli Gonda, Coral Cruz, Fran Araújo e Carlos Portela. E o recoñecemento continúa coas recentes tres nominacións nos Premios Feroz, nas categorías de: Mellor Serie Dramática; Mellor Actriz Protagonista por Candela Peña e Mellor Actor Protagonista por Dario Grandinetti e as catro nominacións nos Premios MIMSeries nas categorías de Mellor Serie, Mellor Actriz Protagonista por Candela Peña, Mellor guión e Mellor Dirección.
O filme ‘O QUE ARDE’ producido pola empresa MIRAMEMIRA é xa o filme rodado en galego máis visto da historia, tas conseguir fitos como chegar ao Festival de Cannes con un filme en VO galega e gañar o Premio do Xurado, está superando con creces todas as expectativas. Leva 8 semanas nos cines e nos últimos días non paran de chegar boas noticias. Tras o recente premio no Festival de Cine de Mar del Plata, conta con cinco nominacións nos Premios Feroz a Mellor Drama, Mellor Dirección, Mellor guión, Mellor Cartaz e Mellor tráiler. Está tamén nominada nos Premios Forqué na categoría de mellor longametraxe de ficción e recentemente acaban de coñecerse as catro nominacións nos Premios Goya, nas categorías de Mellor Película, Mellor Dirección, Mellor Actriz revelación e Mellor Dirección de Fotografía.
A estes dous títulos, hai que sumar o éxito de filmes como ‘ARIMA’, producido por Esnatu Zinema que vén de gañar o Premio á Mellor Película da Sección Escáner no Festival de Cine Indendente de Madrid, Márgenes; ou o último filme producido pola empresa galega Filmika Galaika ‘Longa Noite’ de Eloy Enciso que está colleitando moita expectación e recoñecemento antes da súa próxima estrea comercial, prevista para o 5 de decembro, como a recente Mención Especial do xurado novo na Mostra de cine de Lanzarote. Tamén está sendo un gran ano para ‘QUIEN A HIERRO MATA’ producido por Vaca Films que opta aos Premios Goya en tres candidaturas (Mellor actor protagonista, Mellor Actor de reparto e Mellor Son) e aos Premios Feroz noutras tres categorias (Mellor Drama, Mellor Actor Protagonista e Mellor Actor de reparto).