A serie web ‘Alucinema’, de Kraken Media, competirá na Sección Oifical do Festival Carballo Interplay
Como cada abril volve o Festival de pensamento e contidos dixitais Carballo Inteplay, dirixido e producido pola nosa asociada Cósmica Producións. Un espazo de encontro de recoñecemento internacional que ofrece unha programación realmente innovadora no panorama de festivais galegos.
Nesta XXIII edición a webserie ‘Alucinema’ da nosa produtora asociada Kraken Media competirá na Sección Oficial do cartame. Con dirección e guión de Fernando Tato e cámara e montaxe de Alba Gallego, Alucinema é un cineclube onde se proxecta desde «Que fermoso é vivir», pasando por «Os 400 golpes», ata «Venres 13 parte 12». Nel xúntase un grupo de persoas, cada cal máis disparatada, con historias descacharrantes. Para que atender á película se podes arranxar o mundo?

Mais a presenza de asociadas de AGAPI non remata aquí. A cineasta Irene Pin da produtora Aqueladas, formará parte do Xurado Oficial do evento, xunto co ilustrador Benja Villegas e a escritora Raquel Piñeiro. E a serie web infantil ‘Pipo’, da nosa produtora asociada Undodez, será proxectada nunha sesión especial para crianzas desta nova edición Carballo Interplay. Celebrada do 16 ao 19 de abril.
